
Nosa Villa é un dos primeiros concellos en abrir o calendario festivo neste ano
O Concello de Baiona convoca o Concurso de Comparsas “Entroido Baiona 2026”, unha cita xa consolidada no calendario festivo do municipio e que volve converter a Baiona nun dos primeiros concellos da contorna en convocar oficialmente o seu certame de Entroido.
O concurso celebrarase o sábado 7 de febreiro de 2026, cun desfile que comezará ás 17.00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e que finalizará no Paseo Ribeira, onde terá lugar a deliberación do xurado e a posterior entrega de premios tras o tradicional enterro da sardiña.
Desde o Concello anímase á participación de comparsas tanto locais como doutros municipios, destacando o carácter festivo, creativo e social deste evento.
O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 14 de xaneiro ata o 2 de febreiro de 2026 e poderán participar agrupacións cun mínimo de 12 compoñentes, establecéndose un límite máximo de 20 comparsas, que serán admitidas por orde de rexistro.
O certame contará cun orzamento total de 6.500 euros en premios, que se repartirán entre os cinco primeiros clasificados e tamén entre o resto de comparsas participantes, en función do número de compoñentes, como compensación polos gastos de participación e desprazamento.
O primeiro premio estará dotado con 900 euros. O xurado valorará aspectos como o vestiario, a orixinalidade, a actitude no desfile, a creatividade das exhibicións e o número de integrantes de cada comparsa, premiando o esforzo, a imaxinación e a calidade artística das propostas.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña subliña a importancia de iniciar con antelación a programación do Entroido, co obxectivo de facilitar a organización das comparsas e reforzar o atractivo de Baiona como referente festivo.
O Concello de Baiona convida a todos os colectivos, asociacións e grupos informais a participar activamente nesta celebración, que cada ano reúne á veciñanza e visitantes ao redor da música, o humor e a tradición do Entroido.
Concello de Baiona
Solicitude de participación certamen Entroido 2026





