
Sons do Casco é un magnífico exemplo de como a cultura e a música en directo contribúen a encher de vida as nosas rúas, poñendo en valor o encanto único do noso centro histórico.
O singular Roteiro Musical “Sons do Casco” volverá por onceavo ano consecutivo a encher de música o casco antigo da vila, co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer na zona onde se aglutina a maioría dos servizos hostaleiros da vila.
Este evento abre a tempada estival en Baiona como antesala a programación cultural do verán no municipio, denominada Baiverán, que abarca os meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2026 cun centenar de actuacións e que en breve datas darase a coñecer.
O formato busca encher de música en directo todo o día do sábado 13 e do domingo 14 de xuño, acompañándonos durante toda a fin de semana, na que participarán un total de 15 grupos con diferentes estilos musicais como pop rock nacional e internacional, indie, música latina (salsa, bachata e merengue entre outros), versións actuais e clásicos populares, tributos, country dos anos 60´, 70´ e 80´, blues, reggae, flamenco, rumba folk, e cancións propias entre outros.
Haberá 9 escenarios asentados nas prazas e rúas máis relevantes do centro histórico baionés como son a Alameda Carabela Pinta, a Praza Pai Fernando e Pedro de Castro, as rúas Diego Carmona, Lorenzo de la Carrera, Ventura Misa, Lorenzo de la Carrera, San Xoán, Fonte de Zeta, e os Xardíns da Casa da Navegación.
Este roteiro musical pretende ser un escaparate musical para novos talentos, sobre todo para a mocidade da nosa contorna, coas actuacións dos grupos: Os Atómicos, Dieguitos e Mafaldas, Pablo Alonso, Mettro Pop Rock, Betozzz, Sen Reserva Acústico, Braava!, A Polémica Banda dos Bechuchos, Diversión, El Feitizo de Nora, **Álari, Pop Rock&Café con leche, BN Branco e Negro, Mondieu e Os del Barro entre outros.
“Un ano máis, Baiona volve converterse nun gran escenario ao aire libre coa celebración do XI Roteiro Musical “Sons do Casco”, unha iniciativa xa consolidada no noso calendario cultural que marca o inicio da tempada estival na nosa vila, e desde o Concello apostamos sempre por unha programación diversa e de calidade que dinamice os nosos espazos públicos, apoie o tecido hostaleiro e comercial e ofreza alternativas de lecer para veciños e visitantes.
Animo a toda a cidadanía e a quen nos visite durante esa fin de semana para desfrutar dunha proposta pensada para todos os públicos, que combina talento, convivencia e promoción do noso patrimonio urbano”, Indícanos o Alcalde da Vila, Jesús Vázquez Almuiña
A Concellaría de Festexos do Concello de Baiona, aposta unha vez máis pola música en directo, en acústico, nas rúas e prazas da vila, achegando a música a veciños e visitantes, organizando este 11° roteiro musical que se enmarca dentro da programación Baiverán, co apoio institucional da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do Plan + Provincias 2026. Liña 2
Concello de Baiona





