
Repartiranse aproximadamente 2.000 quilos de caramelos aptos para celíacos nos máis de 2 quilómetros de percorrido da Comitiva Real
Este luns 5 de xaneiro está previsto que as súas maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestosas carrozas e desfilando na gran cabalgata de Reis que organiza o Concello.
Por este motivo, a PO 552 permanecerá pechada dende as 18:00h ata as 20:30h dende a rotonda de Puga en PK. 15,590 ata a rotonda de Villa Rosa PK. 17,000 e conxuntamente co operativo de preseñalización circunstancial na PO 552 con desvíos alternativos pola AG-57 en Sabarís e en Baredo.
O percorrido previsto é o seguinte:
17:00h Desde SABARÍS: Saída dende a rotonda da urbanización Puente Romano percorrendo as principais rúas da parroquia de Santa Cristina, pasando pola rúa Julián Valverde, Praza Victoria Cadaval onde os Reyes farán unha pequena parada, continuarán pola Porta do Sol, Avda. Urbana ata chegar á praia de Santa Marta.
18:00h Desde BAIONA: A cabalgata partirá de Santa Marta e percorrerá as principais rúas da vila, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen, rúa Ramón e Cajal, Paseo Pinzón, Glorieta Villa Rosa, Glorieta Quella, Glorieta de Colón, onde a comitiva real continuará a pé ata a Rúa Carabela Pinta, continuando por Pai Fernando e rúa Lorenzo da Carreira ata a praza do Concello. Alí os Reis recibirán a todos os nenos e nenas que queiran entregarlle a carta e falar persoalmente con eles.
A comitiva principal estará composta por uns 6 módulos, encabezada pola Rondalla Airiños dá Lagoa con 60 compoñentes, o Tráiler do Erizana con 20 compoñentes, séguelle a carroza do grupo de baile Xiros de Bahiña con 50 compoñentes. Continúa a carroza do Club de Fútbol sala de Baiña con 100 dos seus xogadores.
En canto a animación infantil, este ano o Concello de Baiona conta con 9 personaxes fantásticos do grupo de animación Hípica Celta, que encherán de fantasía e ilusión aos máis pequenos da casa. Entre eles atópase Chase, Pepa Pig, Doraemon, Unicornio e Lady Bug.
Contará tamén con outro espectáculo novo que se unirá á comitiva con 4 personaxes do Nadal inchables e unha parella de Grinch montados nun Kart Grand Tour cedido pola empresa “A Pedalería” de Baiona.
Concello de Baiona





