Nos museos, nos nomes das rúas, na lista de nomeamentos dos premios Nobel, nos libros de historia, na memoria colectiva, na memoria local… a pregunta é onde están as mulleres? A pesar dos obstáculos e a discriminación, moitas estiveron aí deixando a súa pegada na historia da humanidade, marcando un punto de inflexión na súa época. Pero non aparecen, non están. Foron completamente borradas do mapa. Esquecidas. Silenciadas. Invisibilizadas. Condenadas a permanecer na sombra. É hora de rescatalas.
A través do proxecto “Fálame Delas” a Concellaría de Igualdade do Concello de Baiona busca historias das mulleres do municipio, historias que deben ser contadas.
A través do email falamedelas@baiona.gal a cidadanía poderá enviar las incribles e admirables historias das veciñas da Vila, moitas delas relegadas a un segundo plano, outras directamente silenciadas e invisibilizadas, outras tantas canto menos ignoradas por unha sociedade androcentrista na que parece que só os homes contribuíron á historia da humanidade. A historia de Baiona tamén se escribe en feminino.
En caso de non ter correo electrónico a información pódese mandar por correo postal á dirección do Concello de Baiona, Rúa Lorenzo da Carreira, S/N, 36300 Baiona, Pontevedra, especificando “Concellería de Igualdade”. Ademais, a concellaría instalará en cada un dos centros escolares municipais unha caixa de correos para a recollida específica destas historias.
É importante deixar un contacto para poder comunicarse con a persoa que achega a historia, para ampliar información ou solicitar material gráfico si fose posible.
As persoas interesadas en dar luz ás historias das mulleres de Baiona poderán facelo até o 15 de outubro.
“A idea é que a veciñanza mande historias de mulleres que coñecen ou coñeceron, avoas, tías, nais, veciñas, etc. Queremos recompilar historias da nosa Vila vividas pola outra metade que case nunca conta”, sinala a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas.
“Dar luz ás súas historias non é só renderlles homenaxe a todas esas mulleres da nosa localidade. É tamén concederlles o lugar que merecen. É construír un futuro no que non falten referentes fundamentais para as mulleres. É poder dicirlle a unha nena de hoxe que “si elas puideron, ti podes”, finaliza.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “ Temos claro que o que non se nomea, non existe, por iso esta campaña e moi imporntae para visibilizar as mulleres da nosa Vila. Este Concello aposta firmemente por avanzar nos valores da igualdade de xénero desde a administración, como exemplo a seguir polo resto da cidadanía na construción dunha sociedade de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Entre todos contruímos unha Baiona mais igualitaria”.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal