A Concellería de Igualdade idea un”escape room” de igualdade e prevención da violencia de xénero polo Casco Vello de Baiona. “ Rexeita o Maltrato” é unha acción que para persoas maiores de 12 anos. Este tipo de xogo mental en equipo foi deseñado con este fin coeducativo dentro da programación “Novembro Lila”.
Un “escape room” educativo é unha técnica de xogo que consiste en enfrontar aos participantes a unha situación imaxinaria de peche. Estes organízanse en grupos de tres ou cinco participantes, dispoñendo cada equipo dunha caixa co material necesario para realizar as diferentes probas e obter a súa “liberación”. A actividade recrea unha contorna chea de pistas, crebacabezas ou enigmas que van resolvendo co seu enxeño e coa información fornecida durante o xogo (un audio cunha voz en off que está a soar en bucle durante a proba).
“Trátase dun tipo de xogo moi popular sobre todo entre as persoas mozas e que os engancha desde o principio. É moi interesante porque por unha banda as persoas participantes aprenden a traballar en equipo e, por outra trabállase sobre a loita contra a violencia e as desigualdades de xénero. Desta forma, mesturando a parte informativa e a dimensión lúdica, os contidos chegan máis á poboación”, explicou a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas.
A Concellería de Igualdade convocou a escape room baixo o título « Rexeita o Maltrato» co obxectivo de “concienciar á poboación sobre o modelo de relación social entre homes e mulleres”, segundo comenta a concelleira.
Esta actividade desenvolverase o próximo 14 de novembro ás 16:30 na praza do Concello de Baiona . A edil de Igualdade sinala que esta escape room forma parte da programación da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Dentro deste convenio en Baiona estánse a levar a cabo actividades de sensibilización e talleres e cursos de formación para todas as idades.
A actividade forma parte dunha ampla programación de actividades deseñadas pola Concellaría de Igualdade do Concello de Baiona, o “Novembro Lila”, un programa deseñado para dar visibilidade á violencia machista coincidindo co gallo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina. A programación completa presentouse no Salón de Plenos do Concello de Baiona, o pasado venres, 29 de outubro ás 12:00h, onde se desvelou entre outras esta novidosa actividade.
Esta programación vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actividades variadas para toda a veciñanza.
Esta actividade esta financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero para o ano 2021 no marco da Resolución do 8 de setembro de 2021 da Secretaria de Estado de Igualdade de transferencias para o desenvolvemento de novas ou ampliadas competencias reservadas ás entidades locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercizo 2021.
Solicitude de inscrición:
As persoas interesadas en participar na actividade deberán presentar o anexo I, xunto a documentación que se require nestas bases no rexistro do Concello de Baiona, ou a través da sede electrónica do Concello dende o martes 2 de novembro ata o martes 9 de novembro ámbolos dous incluídos.
Documentación a presentar:
Xunto co anexo I deberá presentarse
No caso de persoas maiores de idade:
DNI de tódalas persoas participantes.
No caso de persoas menores de idade:
Autorización da nai, pai, titora, titor ou representante legal.
Copia do DNI do ou da menor . No caso de non telo, fotocopia do libro de familia
Copia do DIN da nai/pai ou persoa que asina a autorización.
Selección dos e das persoas participantes:
Seleccionaranse os equipos participantes por orde de inscrición . Se quedaran prazas vacantes unha vez rematado o proceso de selección poderán solicitar a participación na actividade ata agotarse as mesmas,
Listado de admitidos/as
O xoves 11 de novembro publicarase a lista dos equipos admitidos no taboleiro virtual, e comunicarase a través do e-mail que se facilite na solicitude.
6. O Concello de Baiona resérvase tódolos dereitos de cambiar ou modificar a actividade. 7. Para máis información poden contactar de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 h. no teléfono 690 365 933 e de luns a xoves en horario de tarde dende as 16:30 h ata as 19:30 h.
ANEXO I SOLICITUDE E AUTORIZACION ESCAPE ROOM CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. 2021
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal