A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, fai balance anual da súa área e destaca que “dende o seu departamento este ano xestionáronse subvencións para o funcionamento do CIM, contratación de vítimas de violencia de xénero e para o desenvolvemento de actuacións de sensibilización no eido da promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero , que deron como resultado a obtención de subvencións por importe de 117.679€ “.
En referencia ao centro municipal da muller, adscrito a súa área, en total realizáronse 986 consultas individuais con mulleres, o que supón un incremento dun 24,44% respecto ao ano 2021 . Das consultas e intervencións realizadas, 506 centráronse na violencia de xénero o que indica que o 51,32% do total de consultas realizadas este ano foron directamente relacionadas coa atención a vítimas de violencia de xénero. Se consideramos as consultas específicas de violencia de xénero do ano 2021, no ano 2022 as consultas incrementáronse neste ámbito un 38,5%.
Os datos recollidos en “xestión cim“ durante este ano son os seguintes: 265 atencións de asesoramento xurídico, 118 de atención psicolóxica, 506 de atención a vítimas de violencia de xénero, e 97 consultas relacionadas con emprego, información de cursos, de recursos , e outra información.
Se consideramos o perfil de mulleres usuarias do CIM neste ano: o 67,19% das usuarias tiña entre 25 e 54 anos, o 10,94% entre 55 e 64 anos, o 10,16% 65 anos e máis e o 7,81 % entre 15 e 24 anos e un 3,90% non constan datos por ser atendidas como anónimas. O 52,14% das mulleres atendidas residen na parroquia de Baiona e o 47,86% acoden dende as outras parroquias ( Baíña, Belesar, Baredo e Sabarís )
As consultas máis demandadas no centro teñen que ver con aspectos xurídicos: violencia de xénero, dereito de familia, xustiza de balde, dereito administrativo, seguridade social e procesos de incapacitación. No servizo de atención psicolóxica, na meirande parte dos casos, as demandas detectadas teñen relación coas diversas manifestacións da violencia de xénero: violencia verbal, social, emocional, económica e patrimonial, ambiental, sexual e física.
O CIM atendeu este ano 24 vítimas de violencia machista ás que ademais de prestarlle asesoramento xurídico e atención psicolóxica, se lles tramitaron segundo o caso, diferentes recursos para cubrir as súas necesidades : teleasistencia móbil, prestacións de axuda periódica ,do pago único, bono alugueiro etc.
A atención integral que fai o Centro de Información ás Mulleres é básico para garantir a protección das vítimas e axudar a que a súa situación de vulnerabilidade se solvente. Por iso é fundamental incrementar o orzamento destinado a este servizo dende as institucións das que depende. Tamén é imprescindible salientar todo o traballo que se ten feito dende a área de igualdade grazas ás decisións políticas e o traballo técnico da directora do CIM, Elena Otero Rodríguez.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal