
A rapazada de Baiona fala é unha campaña de sensibilización e educación en igualdade impulsada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, centrada en promover novas masculinidades, a corresponsabilidade nos coidados e a construción de relacións igualitarias desde a infancia.
A iniciativa conta coa participación do alumnado de Educación Infantil e Primaria dos centros educativos do municipio, que se converte en protagonista da campaña a través dos seus traballos, reflexións e mensaxes sobre a igualdade, os coidados e a importancia de compartir responsabilidades.
Os materiais que forman parte desta campaña son o resultado dos obradoiros de sensibilización desenvolvidos durante os meses de setembro e outubro nos centros escolares. Neles, o alumnado tivo a oportunidade de reflexionar sobre os estereotipos de xénero, os modelos tradicionais de masculinidade, a expresión das emocións, a corresponsabilidade nas tarefas cotiás e a importancia de construír relacións baseadas no respecto e na igualdade.
A través das súas creacións, nenas e nenos trasladan á sociedade mensaxes que convidan a cuestionar os roles de xénero tradicionais e a avanzar cara a modelos de convivencia máis igualitarios, nos que os coidados, as tarefas domésticas e as responsabilidades familiares sexan compartidos.
A campaña pretende dar voz á infancia e visibilizar a súa capacidade para contribuír á transformación social, fomentando desde idades temperás valores como a igualdade, o respecto, a empatía e a corresponsabilidade.
Esta actuación enmárcase no programa «Corresponsabilidade en Acción: Educación e Sensibilización», promovido polo Concello de Baiona a través da Concellería de Igualdade e subvencionada no marco do Plan Corresponsables, coa financiación da Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade.
Concello de Baiona










