O programa “Con Voz Propia” organizado pola Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller(CIM) iniciouse hoxe e desenvolveráse os mércores en horario de mañá de 10:00h a 13:00h no Multiúsos Mercado de Sabarís. A Concelleira de Igualdade, Sheila González Martíns, deu a benvida as participantes na actividade.
A actividade estenderase ata o mércores 17 de xaneiro. Na metodoloxía está previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz. Ao mesmo tempo utilizaranse moitos recursos da músico-terapia, a danza-terapia e a drama-terapia para fomentar a libre expresión o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademais traballarase coas letras das cancións para re-enfocar a visión do percorrido vital.
A cabalo entre a canto-terapia e a aula de música común, o programa combina as estratexias propias do ensino convencional do canto co enfoque músico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional. Este proxecto parte do presuposto de que a aprendizaxe de canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de si mesmas e da/s outra/s, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal