
No marco da conmemoración do 25 de Novembro Dia Internacional para a Eliminación da Violencia contra as mulleres, o Concello de Baiona lanza a través da Concellería de Igualdade, o programa “Baiona Lila” que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e previr a violencia machista. Inclúe actividades de sensibilización e formación dirixidas a toda a cidadanía.
Moitas das actividades desenvolveranse nos centros educativos municipais: O programa de sensibilización en igualdade, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco da convocatoria de subvencións dirixidas aos Concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero,implantarase en todos os centros educativos do municipio nos que se cursa educación infantil e primaria.
Será a narradora Raquel Queizás, con “Dámoslle á volta ao conto” a que desafiará os estereotipos de xénero nas aulas de educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria.
Cristina Louzán e Priscila Retamozo, serán as encargadas de impartir os obradoiros dirixidos ao alumnado de segundo e terceiro ciclo de educación primaria. No obradoiro ”O arquipélago da igualdade” o alumnado explorará contidos conectados sobre a igualdade, a corresponsabilidade e a prevención da violencia; e co obradoiro “Machismo Game Over”, recibirá unha formación para revisar os roles sexistas e construír unha mirada coeducativa e igualitaria que loite polo bo trato e contra a discriminación .
O alumnado que cursa a educación secundaria obrigatoria no IES Primeiro de Marzo e no CPI Cova Terreña, participará nos obradoiros de educación sexual impartidos polo gabinete Amaturi.
O Auditorio V Centenario acollerá o sábado 8 de novembro ás 20.00 horas, o Monólogo Teatral “Chegar e Encher”, creado e interpretado por Bea Campos; e o domingo 9 de novembro ás 17.00 horas a obra “Travesía Unicornio” da compañía de teatro Ghazafelhos,
O Multiúsos de Sabarís acollerá o sábado 15 de novembro a actividade “Xincana da corresponsabilidade”, dirixida a público familiar, a partir de 6 anos; o domingo 16 de novembro ás 12.00 horas o espectáculo de narración oral “Dende Rosalía ata as cantareiras” coa compañía A Xanela de Maxín, dirixido aos mais pequenos e pequenas a partir de 3 anos; e o domingo 23 de novembro ás 12.00 horas “Pelica de Burra” será o espectáculo-obradoiro de narración oral e música da man da narradora e educadora Vero Rilo acompañada do músico Luís Iglesias.
O 18 de novembro iniciase o “obradoiro práctico de autocoidado” dirixido a mulleres que se desenvolverá en dúas edicións: unha no Multiúsos de Sabaris en horario de mañá e outra en horario de tarde no Multiusos Angel Bedriñana.
O 25 de novembro terá lugar ás 12.00 horas na casa consistorial o acto con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as mulleres.
Péchase a programación o sábado 29 de novembro ás 20.00 horas no Auditorio V Centenario co Concerto de “ A Banda da Loba” co seu traballo “Lovismo”.





