
O Multiúsos de Sabarís foi o escenario do acto institucional con motivo do Día Internacional da Muller.
O evento contou coa intervención da concelleira de igualdade Sheila González Martíns quen deu lectura á Declaración Institucional aprobada no Pleno Municipal por toda corporación municipal, incidindo que a importancia está na educación en igualdade desde a infancia, subliñando que é a base para construír no futuro unha sociedade máis xusta, respectuosa e con iguais oportunidades para todas as persoas.
Os verdadeiros protagonistas do acto foron o alumnado de sexto curso do Centro de Educación Primaria de Sabarís que participaron activamente na construción simbólica do Muro da Igualdade, unha iniciativa da artista Irene Silva.
O alumnado colocou simbólicamente “ladrillos “ nos que están escritas mensaxes e compromisos relacionados con valores como a igualdade, o respecto e a xustiza, mostrando o seu apoio á igualdade de oportunidades e o seu compromiso cunha convivencia baseada no respecto, mostrando a súa implicación e sensibilidade con esta causa.
O acto foi clausurado polo alcalde, Xesús Vázquez Almuíña, quen fixo unha mención especial a todos os centros educativos municipais, pola súa implicación na promoción da igualdade e na loita contra a violencia machista, dirixíndose especialmente ao alumnado participante “ que sexan precisamente o noso alumnado quen levante este muro ten un significado profundo. Porque a igualdade, non se impón, apréndese, non se decreta constrúese día a día. Non só estades a construír un muro simbólico, estades a levantar os cimentos dunha sociedade mellor”
A conmemoración estivo acompañada pola música da cantautora Sofía Espiñeira, cuxas interpretacións achegaron un ton emotivo e próximo unha xornada marcada pola participación e a reflexión colectiva.
Concello de Baiona





