
O punto violeta estará situado fronte á Oficina de Turismo, e permanecerá aberta os mércores 15 e xoves 16 de xullo, en horario de 18:00 a 22:00 horas.
Con motivo das Festas da Virxe do Carmen, o Concello de Baiona volverá poñer en marcha un Punto Violeta, un espazo de información, sensibilización e apoio destinado a previr e actuar fronte a calquera manifestación de violencia machista durante as celebracións.
Esta iniciativa busca contribuír a que as festas sexan un espazo de convivencia, respecto e liberdade para todas as persoas, ofrecendo un lugar seguro onde recibir información, orientación e acompañamento no caso de que sexa necesario.
Durante ambas as xornadas darase difusión ás campañas da Deputación de Pontevedra “Compracer nunca. Con pracer sempre” e “Non a lees. Alíate!”, dúas iniciativas que apelan ao dereito das mulleres para decidir libremente sobre o seu corpo e as súas relacións, á vez que fan un chamamento á implicación e responsabilidade dos homes na prevención das violencias sexuais.
Así mesmo, as campañas poñen o foco en formas de violencia que continúan estando pouco visibilizadas e, en moitas ocasións, normalizadas, como son as agresións sexuais no contexto dunha cita ou aquelas facilitadas mediante submisión química, situacións que dificultan tanto a identificación do delito como a súa posterior denuncia.
O Punto Violeta contará coa presenza de profesionais especializadas, que ofrecerán material informativo, resolverán dúbidas, facilitarán asesoramento e prestarán acompañamento a calquera persoa que o requira, alén de desenvolver un importante labor de sensibilización e prevención entre a cidadanía.
Os recursos humanos que prestarán servizo neste Punto Violeta están subvencionados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.
Con esta acción, o Concello de Baiona reafirma o seu compromiso coa igualdade e a erradicación das violencias machistas, promovendo unhas festas onde o respecto, a seguridade e a liberdade sexan valores compartidos por toda a sociedade.
Concello de Baiona





