
O obxectivo é fomentar no grupo unha conciencia crítica, animando a adquirir posicionamentos razoados e achegando referentes de transformación social
A Concellería de Igualdade comezou a impartir os obradoiros de igualdade e prevención da violencia machista nos centros educativos de Baiona, nos que se imparte a etapa de educación primaria.
Impartidos polas especialistas en xénero e igualdade, Priscila Retamozo e Cristina Vago abordando diferentes temáticas e planificados en función das idades do alumnado. Así o alumnado que cursa 3º e 4º de primaria participa no obradoiro “O arquipélago da igualdade” co que se persegue traballar a propia estima, a autonomía de criterio e o respecto así como promover relacións libres de estereotipos de xénero.
O alumnado que cursa o terceiro ciclo de primaria participa no obradoiro “Machismo Game Over” co que se pretende revisar os roles sexistas e construír unha mirada educativa e igualitaria que loite polo bo trato e contra a discriminación.
Esta actividade forma parte da programación Baiona Lila que desenvolve a Concellería de igualdade, que dirixe Sheila González Martíns, para promover a igualdade e previr as violencias machistas desde as primeiras etapas da educación e enmárcase no programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia machista subvencionado pola Deputación de Pontevedra.
Concello de Baiona





