A Alameda da rúa Carabela Pinta de Baiona acolleu o acto de presentación da instalación artística “Estelas da Palabra”, o proxecto final da programación Primavera Lila organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona en colaboración co Centro á Información a Muller (CIM).
Con ela quérese incorporar no espazo público áreas de encontro; dotarlle á palabra unha voz Visual que suscite respostas e reflexión sobre a linguaxe inclusiva.
É o resultado do traballo colectivo feito pola artista Irene Silva en colaboración cos centros de ensino CPI de Cova Terreña e o IES 1º de Marzo dentro do proxecto” A túa palabra conta”.
O acto de presentación contou coa presenza da artista plástica baionesa, coa participación do alumnado para unha intervención musical e a actuación da autora Alba María. Entre as persoas invitadas contouse con representantes dos distintos centros educativos e asociacións de mulleres do municipio.
En 2021, a área de igualdade de Baiona puxo o foco de atención do 8 M na forza das palabras a través do proxecto da artistas baionesa Irene Silva Xiráldez “A túa Palabra Conta”. Baixo o nome ““Estelas da Palabra”hoxe materialízase o fin deste interesante proxecto nas rúas da vila.
Tamén se creou o “Muro da Palabra”, unha creación colectiva de etiquetas e palabras artísticas dirixido ao alumnado que cursa 1ºda ESO dos centros educativos municipais de Cova Terreña e do Primeiro de Marzo que tivo como obxectivo: Aprender, sensibilizar e practicar a linguaxe inclusiva usando a palabra como elemento artístico na construción de símbolos para a igualdade; unha guía para traballar as emocións, a empatía, a confianza e o respecto; promover o valor da participación colectiva para acadar obxectivos sociais.
Entre os meses de marzo e xuño a artista coordinou e dirixiu diferentes talleres artísticos en cada uns destes centros escolares municipais para que alumnado elaborase o material que dotou de contido o “Muro da Palabra”.
Ademais deste interesante proxecto dentro da programación “ Primavera Lila”, desenvolvéronse ao longo do ano diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.
O proxecto promovido a través da Concellería de Igualdade do Concello de Baiona é financiado cos fondos do Pacto de Estado Contra A Violencia de Xénero do ano 2020 e é o resultado dos talleres levados a cabo por Irene Silva co alumando dos centros de ensino CPI de Cova Terreña e o IES 1º de Marzo.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal