Co motivo da celebración das Festas da Anunciada, o Concello de Baiona en colaboración coa Deputación de Pontevedra,instala un “Punto Violeta” o venres 2 e sábado 3 de agosto, na rúa Julián Valverde, diante da oficina de turismo. Baixo os lemas “Compracer nunca. Con pracer sempre” e “Non a líes. Alíate!”, a campaña fai un chamamento ao dereito das mulleres para decidir e á responsabilidade dos homes para respectar.
Estas mensaxes buscan visibilizar formas de violencia que a miúdo son minimizadas ou normalizadas, como as violacións en cita e as agresións por submisión química, as cales dificultan o recoñecemento do delito e a súa posterior denuncia.
A concelleira de igualdade Sheila González Martíns, informa que fundamentalmente a campaña está dirixida á mocidade co obxectivo de sensibilizar, concienciar e informar sobre un tipo de violencia de xénero que a miúdo pasa desapercibido. “Queremos que a mocidade entenda a importancia do consentimento e o respecto, e que as agresións sexuais, baixo calquera forma, son inaceptables e deben ser denunciadas”.
En horario de 22:00 a 01:00 horas distribuiranse folletos, carteis e outros materiais informativos para educar e previr estes tipos de agresións. Ademais, haberá persoal especializado para ofrecer información e apoio a quen o solicite.