
A exposición complétase con representacións de emblemáticas embarcacións que forman parte da historia naval española e internacional
O Concello de Baiona e a Asociación de Modelismo Naval de Galicia (AMONAGA) volven unir esforzos para achegar ao público unha nova edición da mostra de modelismo naval, unha iniciativa que regresa á Vila tras o éxito de acollida e o gran interese espertado durante a pasada edición.
A exposición poderá visitarse durante todo o mes na sala da Antiga Capitanía Marítima, en horario de 10.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas.
Esta colaboración reafirma o compromiso compartido entre o Concello de Baiona e AMONAGA coa conservación, divulgación e posta en valor da historia marítima, a cultura mariñeira e a identidade vinculada ao mar, elementos fundamentais do patrimonio local.
A mostra reúne preto dun centenar de maquetas navais que permiten realizar un percorrido por distintas etapas e tipoloxías da navegación. Entre as pezas expostas destacan embarcacións tradicionais galegas como a dorna, a traiñeira, a gamela ou o bote polbeiro, así como reproducións dos vapores que protagonizaron décadas de esplendor económico e social na Vila, vinculados a recoñecidas sagas marítimas de Baiona.
O alcalde de Baiona destacou a importancia desta iniciativa cultural e divulgativa, sinalando que “esta exposición constitúe unha magnífica oportunidade para achegarnos ao noso pasado marítimo e para recoñecer a estreita relación que Baiona mantivo historicamente co mar. Grazas ao traballo e a dedicación dos membros de AMONAGA, veciños e visitantes poden desfrutar dunha mostra de gran calidade que contribúe a preservar e difundir o noso patrimonio naval e mariñeiro”.
Con esta nova edición, Baiona reforza a súa aposta polas actividades culturais vinculadas á súa tradición marítima, ofrecendo unha proposta de interese para todos os públicos e consolidando a mostra de modelismo naval como unha cita salientable dentro da programación cultural da Vila.
Concello de Baiona





