
O próximo 30 de xaneiro, o Auditorio Multiusos Bedriñana de Baiona acollerá unha sesión aberta á cidadanía para dar a coñecer o estado do proceso participativo e a investigación histórica ao redor da Doca, un proxecto colectivo que convida os nosos veciños a compartir recordos, experiencias e materiais vinculados ao espigón.
O proceso de mediación para o deseño do mural da Doca de Baiona, impulsado conxuntamente por Portos de Galicia, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell, coa colaboración do Monte Real Club de Iates, continúa avanzando coa implicación de distintos axentes sociais e educativos da vila.
O próximo 30 de xaneiro iniciaranse as actividades participativas cos centros educativos de Baiona, nas que participará alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e de 1º e 2º de ESO. A través dun fanzine deseñado para esta fase do proxecto, o alumnado desenvolve actividades na aula que continúan no seu ámbito doméstico, favorecendo a implicación das familias no proceso, así como o diálogo interxeracional.
Ese mesmo día, ás 18:00 horas, o salón Auditorio do Multiusos Bedriñana acollerá unha sesión aberta a toda a cidadanía, na que se informará sobre o estado actual do proceso de participación así como das investigacións levadas ao longo destes meses, nas que participaron colectivos culturais, deportivos, económicos e sociais así como os centros educativos da vila entre outros.
A sesión está concibida como un espazo de participación activa, no que as persoas asistentes poderán compartir as súas experiencias vinculadas á Doca, así como achegar fotografías e recordos do espigón e de momentos vividos nel, que contribuirán a enriquecer a memoria colectiva do lugar.
Desde o Concello de Baiona valoramos de forma moi positiva este proceso participativo e de investigación en profundidade, que permitirá incorporar á historia local unha información sobre o espigón ata o de agora escasamente documentada, reforzando o vínculo entre patrimonio, memoria e participación cidadá, e convidamos a todos os veciños a colaborar traendo os seus recordos para dar forma a este proxecto tan especial.
Concello de Baiona





