
- O mural é resultado dunha colaboración entre A fundación Banco Sabadell, Portos de Galicia e o Concello de Baiona.
- A intervención artística foi realizada pola artista internacional nada en Baiona, Lula Goce, que elaborou o bosquexo tras un proceso de creación participativa con distintos colectivos da comunidade local.
- Este proxecto une cultura e arte urbana e contribúe a revitalizar o espazo público e a dinamizar o territorio.
A localidade galega de Baiona inaugurou o maior mural artístico de España, unha intervención de gran formato situada no espigón da Doca, un dos espazos máis emblemáticos e con maior valor simbólico para a comunidade local.
Cunha extensión de 343 metros de lonxitude e preto de 1.400 metros cadrados de superficie, a obra transforma este enclave histórico vinculado á tradición mariñeira nun novo referente cultural. O mural é resultado dunha colaboración entre Fundación Sabadell, Portos de Galicia e o Concello de Baiona.
Un proxecto construído da man da comunidade local
Un dos elementos diferenciais do proxecto foi o seu proceso de creación participativa, que implicou a unha ampla representación da cidadanía. Ao longo do seu desenvolvemento, tomaron parte colectivos educativos, asociacións culturais, entidades deportivas, organizacións sociais e profesionais vinculados ao ámbito marítimo.
Este traballo colaborativo, que deu lugar a un extenso informe sobre a Doca, permitiu que o mural incorpore elementos identitarios e relatos compartidos, converténdose nunha creación que reflicte fielmente a memoria, os valores e a vida cotiá de Baiona. A iniciativa foi unha das maiores experiencias de participación cidadá desenvolvidas no municipio, o que contribuíu a xerar un forte sentimento de pertenza ao redor da obra.
Unha obra con identidade local froito do traballo da artista internacional Lula Goce
A intervención artística foi realizada pola creadora galega Lula Goce, artista con recoñecemento internacional, que deixa na súa localidade natal unha obra de marcado carácter persoal. O mural ten como eixos centrais un neno e unha nena, inmersos nos soños, como protectores da obra, combinando motivos vexetais, elementos mariños e escenas vinculadas á actividade pesqueira, entre as que destacan representacións de peixes, embarcacións tradicionais ou referencias á atadeira baionesa, figura clave na cultura marítima local.
Cultura e artes, espazo público e dinamización do territorio
A actuación reforza o papel da Doca como espazo de convivencia, lecer e actividade saudable, e contribúe á súa revitalización como punto de encontro cidadán, integrando a arte urbana como un elemento que achega esta disciplina á comunidade local.
Prevese que o mural se converta nun dos principais atractivos do municipio, integrando patrimonio, arte contemporánea e participación social, á vez que reflicte a importancia do talento novo local.
Inauguración institucional
O acto de inauguración contou coa presenza da Directora da Fundación Banco Sabadell, Dna Sonia Mulero, o Director Xeral de Sabadell Galego, D. Pablo Junceda Moreno, os conselleiros de Cultura e Mar autonómicos, D. José López Campos e Dna. Marta Villaverde, a delegada da Xunta en Vigo, Dna Ana Ortiz, o Director de Portos de Galicia, D. Juán Sanmartín, o alcalde Jesús Vázquez co seu equipo de goberno e representantes dos distintos colectivos e institucións da Vila que participaron no proceso.
Concello de Baiona





