
A visita enmárcase na Iniciativa de Portos Azuis da FAO, orientada a impulsar a sustentabilidade económica, social e ambiental nos portos pesqueiros
O Concello de Baiona e a Confraría de pescadores “A Anunciada”, recibiron hoxe a unha delegación institucional da India integrada por representantes de dous portos pesqueiros estratéxicos e da Administración nacional india, co obxectivo de intercambiar experiencias e boas prácticas en gobernanza, sustentabilidade e desenvolvemento da Economía Azul.
A delegación foi recibida polo alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, o Patrón Maior Roberto Cabral, o concelleiro do Mar Joaquín López e membros do equipo de goberno, co fin de profundar no modelo de relación porto–cidade que impulsa o municipio. Durante o encontro púxose en valor a cooperación entre a actividade pesqueira, a planificación turística e o desenvolvemento urbano, así como a integración de criterios de inclusión social, resiliencia climática e sustentabilidade na xestión do espazo portuario.
A visita enmárcase na colaboración da FAO co Goberno da India no desenvolvemento da Iniciativa de Portos Azuis (Blue Ports Initiative – BPI), da que forman parte como entidades impulsoras a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo.
Neste contexto, está a executarse un programa de cooperación técnica orientado ao reforzo estratéxico de dous portos pesqueiros clave para a industria pesqueira india e a súa cadea de valor, desde unha perspectiva de sustentabilidade económica, social e ambiental.
A delegación, integrada por representantes do Goberno da India e de administracións rexionais con competencias en pesca, infraestruturas portuarias e desenvolvemento socioeconómico, visitará durante o próximos catro días distintos enclaves portuarios de referencia en Galicia e Portugal, incluíndo os portos pesqueiros de Vigo, Baiona e Cambados, así como o porto de Matosinhos, acompañada por entidades especializadas na xestión portuaria e a cooperación internacional.
A Iniciativa de Portos Azuis promove a transformación dos portos marítimos e costeiros, especialmente os portos pesqueiros, en espazos sostibles, integrados e xeradores de valor económico, social e ambiental.
Desde o seu lanzamento en 2019, desenvolvéronse actividades formativas, encontros internacionais, guías e publicacións técnicas, así como visitas de estudo e asistencias técnicas especializadas orientadas a fortalecer capacidades locais e fomentar a cooperación internacional no marco da Economía Azul.
Concello de Baiona





