
A Fundación IBERCAJA cofinancia un proxecto cuxo obxectivo será a catalogación da biodiversidade e os hábitats do fondo mariño da Enseada de Baiona, como base científica para implementar unha xestión sostible dos recursos explotables.
A iniciativa será liderada pola Plataforma ECOAFRIK, que en 2026 instalará un Centro de Biodiversidade Mariña en Porto do Molle, e contará coa participación da Confraría de Pescadores A Anunciada, o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo e a empresa Zoomare.
A pesar da súa proximidade e á súa riqueza, en particular en recursos marisqueiros, moi importantes para o sector artesanal local, e á existencia dalgúns estudos sobre a fauna dos seus fondos, actualmente non se conta con ferramentas que faciliten a xestión pesqueira da Enseada de Baiona.
Este proxecto, que aúna as sinerxias de científicos e pescadores, pretende recompilar a información científica e os datos da Confraría, á vez que realizar novas mostraxes para a recollida de fauna e prospección con ROV submarino sobre os distintos tipos de hábitats. O seu obxectivo final é integrar os resultados nunha base de datos xeorreferenciada e SIG mariño, que permitirá elaborar un inventario da fauna mariña, incluídas especies comerciais e accesorias, invertebrados e peces, e dispoñer dunha ferramenta que facilite a preparación de cartas de distribución das principais especies comerciais e importantes a nivel ecolóxico, as indicadoras de ecosistemas vulnerables e as posibles áreas a protexer nos fondos sedimentarios e fondos rochosos.
Así, proporcionarase á Confraría e aos administradores pesqueiros e ambientais, unha base científica de excelencia que contribúa á protección da biodiversidade e os hábitats, á restauración dos ecosistemas e á sustentabilidade dos recursos pesqueiros, dando cumprimento ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible, ODS 14, da Axenda 2030 de Nacións Unidas, centrado na a protección de mares e océanos, a sustentabilidade da pesca, a conservación dos ecosistemas mariños e o incremento da investigación e coñecemento científico.
Ademais, obterase material biolóxico e audiovisual para soporte de actividades de sensibilización da sociedade sobre a importancia de investigar, coñecer e conservar a biodiversidade e os recursos dos nosos mares, en particular dos que temos máis próximos
Concello de Baiona





