
Na histórica Real Villa hai un día que sobresae por encima de todos: o 16 de xullo, festividade en honra á Virxe do Carme, patroa das xentes do mar. Poucos lugares poden expresar unha unión tan profunda co mar como Baiona, onde cada recuncho garda a memoria de xeracións que fixeron das ondas a súa forma de vida.
Coa chegada de xullo o ambiente cambia. As rúas comezan a vestirse de festa e o pobo enteiro espera con ilusión unha data marcada no corazón dos baioneses. Entre os preparativos destaca o ensaio dos compoñentes da tradicional Danza das Espadas, que afinan cada paso para render homenaxe á nosa Señora.
Son incontables quen, movidos pola fe, a promesa ou o agradecemento, ofrecen esta singular danza a quen durante todo o ano protexeu a mariñeiros e navegantes nas súas longas travesías por océanos e mares. Porque se hai un pobo que coñece o significado do mar, ese é Baiona, onde resulta difícil atopar unha familia que non estivese ligada, dunha ou outra forma, á pesca ou á navegación.
Falar do Carme é tamén abrir o baúl dos recordos. É volver escoitar os alegre pasacalles da Banda de Música percorrendo as rúas da Vila, seguida polos xigantes e cabezudos mentres os máis pequenos corrían ilusionados ao seu redor. É lembrar o concerto na Praza da Froita, as tabernas rebosantes de conversación e camaradería, onde as tripulacións compartían as vivencias das últimas mareas entre risos, anécdotas e cánticos populares como aquel que aínda ecoa na memoria colectiva: «Hai vai unha manada de xurelo, xurelo, xurelo… Carrero, vamoslle ao mar».
Aquelas primeiras horas daban paso a un dos momentos máis esperados: a comida familiar. As casas abrían as súas portas para reunir ao redor da mesa a pais, fillos, avós, familiares e amigos chegados das parroquias veciñas ou de quen, ano tras ano, elixían Baiona como lugar de descanso atraídos pola súa beleza, as súas tradicións e a hospitalidade das súas xentes. Eran xornadas de reencontros, de abrazos e de historias compartidas, nas que o tempo parecía deterse.
Coa chegada da tarde todo o pobo preparábase para o acto máis solemne da xornada. Homes e mulleres vestían as súas mellores galas para asistir á misa en honra á Patroa. Elas lucían os seus vestidos máis elegantes; eles, orgullosos, acudían con pantalón, camisa de mahón e boina, conscientes de que aquel non era un día calquera. Ninguén quería faltar á cita coa Virxe do Carmen, porque a devoción nacía en cada fogar e pasaba de xeración en xeración.
Tras a celebración relixiosa comezaba a procesión, envolvida nun respectuoso silencio que só rompía a emoción do momento. Entre os participantes destacaban os mozos que cumprían o servizo militar e facían coincidir os seus permisos para escoltar á Virxe, baixo a supervisión do entón axudante de Marina. Para moitos era un das maiores honras que podían vivir.
Portar á Virxe segue sendo hoxe un privilexio e unha responsabilidade que numerosas persoas continúan asumindo co mesmo fervor que os seus antepasados. Uns fano por tradición, outros por promesa e moitos por agradecemento, pero todos co mesmo cariño e respecto cara á Patroa do mar.
Antes de concluír a procesión chega un dos instantes máis emocionantes: a tradicional Danza das Espadas. Baixo a atenta mirada de veciños e visitantes, os danzantes volven ofrecer un espectáculo cargado de simbolismo, historia e emoción, converténdose nun dos momentos máis esperados da xornada.
E, como toda gran festa, o Carme tamén sabe celebrar. Os tempos cambiaron e as antigas verbenas amenizadas por bandas de música e pequenas orquestras deron paso a grandes espectáculos musicais e de luz que reúnen a miles de persoas. Os tradicionais fogos artificiais evolucionaron, pero a ilusión coa que o pobo vive cada celebración permanece intacta. Cambian as formas, pero nunca o espírito.
Porque, á fin e ao cabo, o verdadeiramente importante segue sendo aquilo que non cambia: a devoción, a tradición e ese sentimento tan especial que cada baionés leva consigo cando chega o 16 de xullo. É a emoción de reencontrarse coas raíces, de lembrar a quen nos precedeu e de celebrar, xuntos, unha identidade construída durante séculos ao abrigo do mar.
Na actualidade, a Confraría de Pescadores e o Concello de Baiona organizan conxuntamente esta celebración, que comeza varios días antes coa tradicional misa de campaña nun porto pesqueiro engalanado para a ocasión. Alí ten lugar un dos actos máis emotivos da programación: a homenaxe ao mariñeiro e á mariscadora de maior idade da institución pesqueira.
É un recoñecemento que dificilmente deixa indiferente a ninguén e que alcanza a súa máxima expresión cando os compoñentes da Danza das Espadas dedícanlles o seu baile como mostra de respecto e gratitude. Posteriormente, a procesión marítima percorre a baía acompañada por decenas de embarcacións que escoltan á Virxe mentres se realiza a tradicional ofrenda floral en memoria de quen perdeu a vida no mar.
Este ano a celebración volverá ser especialmente significativa, cun amplo programa de actividades que poñerá en valor a estreita vinculación de Baiona coa súa historia e a súa cultura mariñeira. Durante o mes de xuño celebrarase a II Mostra de Modelismo Naval no edificio de Capitanía Marítima; na segunda quincena de xullo poderá visitarse unha exposición dedicada á heroica recolección do percebe, sustento durante xeracións de boa parte da flota local; e o 16 de xullo, nun acto cargado de simbolismo, o Concello concederá a Medalla de Oro da Real Villa á centenaria Confraría “La Anunciada”, recoñecendo así unha traxectoria inseparable da historia de Baiona.
Porque o Carme non é só unha festa. É memoria, identidade e emoción compartida. É o abrazo entre xeracións, o orgullo dun pobo que mira ao mar con respecto e agradecemento, e a certeza de que, mentres cada mes de xullo volvan soar as campás e a Virxe do Carmen percorra as rúas e a baía de Baiona, seguirá latexando o corazón mariñeiro da Real Villa.
Concello de Baiona




