
Formalízase un convenio de máis de 2,6 millóns de euros para renovar unha infraestrutura estratéxica para o abastecemento de auga potable
O Concello de Baiona e Augas de Galicia formalizaron este xoves 4 de xuño un importante convenio de colaboración para a execución das obras de mellora da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Baiona, unha actuación estratéxica que permitirá modernizar unha infraestrutura esencial para garantir o abastecemento de auga de calidade aos veciños e visitantes do noso municipio.
A firma do convenio tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Baiona e contou coa presenza da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e presidenta de Augas de Galicia, Ángeles Vázquez, así como do alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.
A actual estación potabilizadora, construída na década dos noventa, presenta problemas derivados do envellecemento das súas instalacións e da necesidade de adaptarse ás novas esixencias normativas en materia de calidade da auga, seguridade industrial, almacenamento de produtos químicos e instalacións eléctricas. Así mesmo, detectáronse incidencias relacionadas con determinados parámetros de calidade da auga, especialmente vinculados á presenza de aluminio, ferro e manganeso, o que fai necesaria unha intervención integral para garantir a máxima eficiencia e fiabilidade do sistema.
As obras previstas permitirán modernizar completamente os procesos de tratamento e control da nstalación, incorporando novos sistemas de preozonización, regulación de pH, filtración avanzada, automatización e control, renovación de equipos electromecánicos, mellora da seguridade das instalacións e actualización das redes eléctricas e de protección contra incendios.
Ademais, executaranse novas infraestruturas complementarias asociadas ao depósito regulador, incluíndo sistemas de filtración mediante carbón activo, novas instalacións para a dosaxe de reactivos e melloras nos procesos de desinfección e control da calidade da auga.
A actuación foi deseñada tendo en conta as necesidades futuras do municipio, permitindo que a instalación poida adaptarse a unha ampliación de capacidade que garanta a subministración a unha poboación potencial superior aos 30.000 habitantes.
Coa firma deste convenio, o Concello de Baiona dá un paso decisivo para reforzar a calidade e seguridade do servizo municipal de abastecemento, á vez que avanza na modernización dunhas infraestruturas fundamentais para o benestar da cidadanía e para o desenvolvemento sostible do municipio.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que “esta actuación supón un investimento histórico para o sistema de abastecemento municipal e permitirá dispoñer dunha estación potabilizadora moderna, eficiente e preparada para responder as necesidades presentes e futuras de Baiona, garantindo unha subministración de auga con todas as garantías sanitarias e de calidade”.
As obras terán un prazo de execución previsto de doce (12) meses unha vez sexan licitadas e adxudicadas por Augas de Galicia.
Así mesmo o rexedor sinalou que “nada mellor que celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente que coa firma deste convenio permitirá modernizar unha infraestrutura esencial para o ciclo integral da auga en Baiona”.
A firma deste convenio prodúcese apenas un día despois de que o Pleno da Corporación Municipal aprobase o pasado mércores, un novo convenio de colaboración con Augas de Galicia para a execución dunha estación de bombeo de augas residuais na contorna de Santa Marta.
Unha actuación que permitirá reorganizar e mellorar un punto estratéxico da rede de saneamento municipal, facilitando os labores de mantemento, reducindo as incidencias derivadas de atascos e mellorando a operatividade das instalacións ao trasladalas fóra da traza da estrada autonómica PO-552.
Concello de Baiona





