O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a Concelleira de Medio Ambiente, Rosa María Domínguez Roda, acudían xunto ao alumnado do CEIP de Belesar, C.E. P. Sabarís, e o CEIP Fontes-Baíña, a unha charla divulgativa sobre a importancia da reciclaxe de residuos para o coidado do medio ambiente.
Os alumnos dos centros escolares de Baiona recibiron durante esta mañá charlas dirixidas a promover a concienciación ambiental e a coñecer o funcionamento do punto limpo municipal.
O obxectivo destas charlas é concienciar e implicar aos máis pequenos na correcta separación dos residuos nos distintos contedores de reciclaxe.
Un técnico de FCC, a empresa encargada do punto limpo e a recollida de residuos selectivos no municipio, é o encargado de impartilas en colaboración coa concellería de medio ambiente do Concello de Baiona.
A campaña de educación ambiental apoiada desde o Concello de Baiona persegue fomentar que o municipio continúe aumentando os seus cocientes de reciclaxe e diminuíndo a cantidade de residuos do contedor da fracción resto que leva a valorizar energéticamente en SOGAMA, co aforro económico que isto supón.
Cos nenos e nenas, que son os cidadáns do futuro, realízanse actividades para que adquiran conceincia da importancia de separar correctamente os residuos. Explícaselles a estratexia das tres 3 R: REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR, e convídaselles a que poñan en práctica esta estratexia cos maiores do seu fogar. Por outra banda, achégase aos estudantes conceptos como a compostaxe ou os puntos limpos, como modelo dunha correcta xestión de residuos municipais, que irán cobrando máis importancia no futuro.
A iniciativa tivo unha gran acollida tanto entre o alumnado como entre a comunidade educativa. O Concello de Baiona aumentou considerablemente a cantidade de residuos depositados. Cada vez recíclase máis no municipio e con residuos de mellor calidade xa que non se mesturan os residuos que son coñecidos como impropios, cos consecuentes beneficios sociais, ambientais e económicos que este aumento supón.
“O obxectivo desta iniciativa é a promoción da educación ambiental. Concienciar aos nenos e nenas do municipio, e grazas a eles ás familias, da importancia de separar os residuos correctamente e de como se debe usar o punto limpo municipal” , sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal