
O resto dos areais do municipio manteñen unha calidade excelente das súas augas de baño
O Concello de Baiona informa que os resultados das últimas analíticas realizadas dentro do Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño da Xunta de Galicia detectaron un episodio de contaminación microbiológica nas augas de baño da praia de Santa Marta.
Ante estes resultados, e seguindo o protocolo establecido para garantir en todo momento a protección da saúde pública, o Concello procedeu a adoptar as correspondentes medidas preventivas neste areal, mantendo temporalmente prohibido o baño ata que os novos controis analíticos confirmen que as augas volven reunir as condicións sanitarias esixidas.
O resto dos areais do municipio presentan actualmente unha calidade excelente das súas augas de baño, polo que se manteñen abertos ao baño con normalidade.
O concello informa que desde o momento en que se tivo coñecemento dos resultados, xunto ao ente de Augas de Galicia e a empresa GESTAGUA, están a realizarse inspeccións e analíticas frecuentes na praia e o río Baiña, así como en tajeas e canalizacións existentes que desembocan directamente no mar, realizando de forma coordinada un seguimento exaustivo das augas e poder detectar calquera posible vertido.
O Concello continuará informando á cidadanía de calquera novidade que se produza e agradece a colaboración e comprensión de veciños e visitantes ante unhas medidas que teñen como único obxectivo garantir a seguridade e a protección da saúde das persoas usuarias das praias.
Concello de Baiona





