
O Concello de Baiona informa de que os resultados das últimas analíticas realizadas polo Programa de Vixilancia Sanitaria das Zonas de Baño da Xunta de Galicia detectaron un episodio puntual de contaminación microbiolóxica nas augas de baño das praias de Santa Marta, A Ladeira e Ribeira.
En aplicación do establecido no Real Decreto 1341/2007, do 11 de outubro, sobre a xestión da calidade das augas de baño, e como medida estritamente preventiva para garantir a protección da saúde pública, o Concello procedeu ao izado da bandeira vermella e á prohibición temporal do baño nestes tres areais ata que as novas analíticas confirmen que a auga volve reunir as condicións sanitarias esixidas.
O Concello de Baiona quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade aos seus veciños e visitantes, xa que este tipo de episodios poden producirse de forma puntual e as medidas adoptadas responden o protocolo previsto para estes casos.
Desde o mesmo momento en que se tivo coñecemento dos resultados, o Concello de Baiona, en coordinación coa empresa concesionaria do Servizo Integral da auga, GESTAGUA e Augas de Galicia, iniciaron unha investigación para determinar a posible orixe desta incidencia, revisando as infraestruturas de saneamento e abastecemento e analizando todas as posibles causas.
Entre as hipóteses que se están avaliando figura a posible achega de augas procedentes do río Miñor cara ao areal da Ladeira, así como a influencia que as intensas choivas rexistradas durante a pasada fin de semana puidesen ter sobre a calidade microbiológica da auga. Nestes momentos non existe ningunha conclusión definitiva, polo que as investigacións continúan abertas.
Paralelamente, xa se solicitaron novas mostraxes e analíticas co fin de comprobar a evolución dos parámetros microbiolóxicos e levantar as restricións tan pronto como os resultados acrediten novamente a aptitude das augas para o baño.
Cabe lembrar que hai escasos días as praias do municipio recuperaran unha calidade excelente tras superar un episodio similar, restablecéndose entón a bandeira verde e o uso normal dos areais.
O Concello de Baiona lamenta profundamente as molestias que esta situación poida ocasionar tanto aos veciños como aos visitantes que desfrutan das nosas praias, especialmente nestas datas de gran afluencia, e confía en que as restricións poidan levantarse o máis axiña posible, unha vez que as analíticas confirmen o restablecemento da calidade da auga.
Concello de Baiona





