
Escolares do colexio CEIP Fontes-Baiña e voluntarios dos espazos+60 Afundación pintaron un muro con pinturas anticontaminantes e informaron os viandantes sobre o impacto do lixo que lanzamos directamente á rede de sumidoiros pública, obxecto da campaña
Desde o Concello de Baiona queremos mostrar o noso apoio total a todas as iniciativas que nos axuden a protexer o que máis queremos: o noso mar, as nosas costas e a nosa identidade. Hoxe sentímonos especialmente orgullosos de que Baiona a Real fose o primeiro municipio de Galicia en sumarse activamente á campaña internacional “O Mar Empeza Aquí”.
Unha iniciativa que, con pequenos xestos artísticos e educativos, lémbranos que todo o que tiramos ao chan, acaba tarde ou cedo no noso océano. Cada papel, cada cabicha, cada residuo mal xestionado, pode supoñer un dano irreparable para a fauna mariña, para a pesca, para o marisqueo… e para esa calidade de vida que tanto valoramos quenes vivimos nesta xoia do Atlántico.
En Palabras do alcalde Jesús Vázquez Almuiña, “En Baiona, convivimos co mar, amámolo, coidámolo e respetámolo. Por iso, desde o Concello, sumámonos a esta campaña con convicción, sabendo que cada acto de concienciación é un investimento de futuro. Protexer o mar é protexer a nosa historia, a nosa economía e a nosa forma de vivir.”
Baiona a Real é moito máis que un destino turístico. É unha vila con alma, con raíces e con futuro. E ese futuro pasa por un compromiso claro coa sustentabilidade, o civismo, o respecto polo medio ambiente e a economía azul.
Desde o Concello de Baiona animamos a todos os veciños e visitantes a sumarse a esta mensaxe. Porque o mar empeza aquí, e o seu coidado empeza en cada un de nós.
Concello de Baiona





