O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente e Xardíns, realizou traballos de reparación no parque infantil e na área recreativa dos Xardíns da Casa da Navegación de Baiona.
Os traballos levados acabo no parque temático infantil que emula a proa dunha gran “Carabela” atenden a unha actuación de urxencia na zona de xogo infantil ante a falta de mantemento durante este últimos catro anos. Os numerosos danos existentes na nave poñía de manifesto a deterioración que presentaban estes equipamentos e a necesidade dunha reparación urxente para garantir a seguridade dos menores usuarios, en parte provocado pola falta de investimento neste espazo durante os últimas anos, e por outro polos continuos actos vandálicos dos que son obxecto algúns deles nesta zona do Casco Vello da Vila.
O Concello de Baiona procedeu a levar a cabo os traballos pertinentes que garanten a mellora da zona de xogo. Traballouse na restauración dos elementos homologados, desde o chan de madeira ao mobiliario pasando polo vernizado, nesta zona destinada a menores. Os labores realizados tamén permitiron a posta a punto do chan de caucho desta zona infantil, conforme ás normas de seguridade previstas; reparación de unidades de xogos e doutros elementos para substituír a outros en mal estado.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, sinala que “A zona de acceso a esta área recreativa emprazada en pleno centro histórico da Vila tamén foi obxecto de reparación. O portal de acceso á zona desde a Rúa do Reloxo foi reparado e como medida de seguridade e prevención ante os continuos actos vandálicos sufridos na zona vai proceder ao peche nocturno desta área de recreo para salvagardar a tranquilidade do lugar e a integridade dos elementos de xogo infantil”.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal