O Concello de Baiona traballa man a man con Gestagua con varios proxectos e actuacións cun obxectivo: modernizar o servizo e reducir por debaixo do 10% as perdas e fugas da rede municipal de auga. O goberno estatal recomenda que non superen o 20%.
“Xa antes da pandemia, no segundo semestre de 2019 detectamos un nivel de fugas que rondaba o 30% na rede municipal despois de moitos anos sen unha estratexia para reducilas, por iso activamos un plan de acción con Gestagua para revertir esta situación”, explica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.
Despois de diferentes iniciativas e actuacións, a última novidade e que hai tan só uns días, o Concello de Baiona, a través de Gestagua, presentou un proxecto para a mellora da eficiencia e a modernización dos seus sistemas de abastecemento e saneamento, dentro do marco de axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PERTE de dixitalización do ciclo de auga) do Goberno, na súa primeira convocatoria de 2023 e en modalidade de concurrencia competitiva, por un importe total de 2.103.848,22 euros.
“O proxecto opta a fondos europeos para impulsar a dixitalización e sensorización da rede de Baiona coa instalación de equipos tecnolóxicos de última xeración, que permitirán un control exhaustivo dispoñendo de información precisa en tempo real do estado da auga e das nosas infraestruturas, mellorando a eficiencia enerxética, a redución de perdas de auga, a información dos usuarios sobre o seu subministro e un adecuado control dos verquidos”, engade Gómez Prado.
Actuacións anteriores
O Concello de Baiona impulsou o pasado outono unha serie de actuacións na rede de auga potable do municipio para ter un control exhaustivo do consumo e unha localización das fugas.
A empresa concesionaria do servizo instalou contadores para controlar a entrada de auga en diferentes zonas da vila e na saída da potabilizadora de Baíña.
“Comparamos dede entón a auga que chega a cada barrio e os consumos dos veciños, co obxectivo de saber se existen fugas e actuar o antes posible”, destaca o alcalde. Trátase de investimentos con cargo ao concepto de canon municipal previsto na concesión do servizo.
“As actuacións están dando xa resultados, detectamos algúns tramos da rede e conexións con fugas e xa solucionamos os problemas detectados, pero queremos dar un paso máis, mellorando o servizo aos veciños e coidando un recurso tan valioso como é e será a auga”, apunta Gómez Prado.
“Queremos facer todo o que está nas nosas mans para aproveitar mellor os recursos, e paro iso debemos afondar na modernización na rede e reducir as perdas”, remata o alcalde.