
Culmínase a renovación integral dunha das zonas de xogo máis emblemáticas de Baiona cun investimento superior aos 36.000 euros
O Concello de Baiona informa da reapertura do parque infantil da Palma tras finalizar as obras de conservación, mantemento e restauración integral deste espazo tan querido e utilizado polas familias da nosa Vila.
Situado nunha contorna privilexiada, entre a Avenida Arquitecto Jesús Valverde e Ramón e Cajal, xunto á Fortaleza de Monterreal e o paseo marítimo, o parque volve abrir as súas portas completamente renovado para que nenos poidan seguir crecendo, xogando e compartindo momentos inesquecibles ao aire libre.
O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, destaca que os parques infantís son moito máis que zonas de xogo: “son lugares de encontro, convivencia e felicidade para as familias, espazos onde os máis pequenos descobren, aprenden e crean recordos que forman parte da súa infancia”. Por iso, o goberno local reafirma o seu compromiso co coidado e mellora das áreas públicas destinadas ao lecer infantil e familiar, apostando por instalacións seguras, accesibles e adaptadas ao uso diario.
Os traballos realizados incluíron a restauración e mellora de randeeiras, xogos múltiples, balancines, tobogáns, carrusel, xogo xiratorio, tirolesa e zona de calistenia, alén da reparación de estruturas de madeira, tratamento e galvanizado de elementos metálicos, substitución de pezas deterioradas, renovación de tornillería e mellora integral do pavimento de caucho.
A actuación permitiu recuperar por completo as condicións óptimas de seguridade e funcionalidade do recinto, moi afectado polo paso do tempo, o uso intensivo e as condicións propias da contorna marítima, especialmente a salinidade e a exposición continua á intemperie.
Todo iso executouse respectando a configuración orixinal do parque e conforme as normas UNE-EN 1176 e UNE-EN 1177, garantindo as máximas condicións de seguridade para os nenos que desfrutan diariamente destas instalacións, e foi executada pola empresa NELMAR S.L.U., dentro do contrato de conservación e mantemento do parque infantil da Palma.
Con esta renovación, o Concello de Baiona continúa avanzando na mellora dos espazos públicos de convivencia, reforzando a súa aposta por unha vila pensada para as familias, onde a infancia siga ocupando un lugar prioritario.
Concello de Baiona





