O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, quere agradecer en nome da localidade de Baiona o traballo e a entrega dos servizos de extinción de incendios, ao GES do Val Miñor, á Policía Local de Baiona, Protección Civil Val Miñor, que están a traballar sobre o terreo en combater o lume que devasta as parroquia de Baredo, así como a resposta “solidaria, rápida e desinteresada” dos baioneses e baionesas.
O rexedor eloxia o labor de todas as institucións, colectivos, veciños e veciñas afectadas polo incendio “que mostraron a súa solidariedade prestando a súa axuda de maneira voluntaria, dando exemplo de altura, consecuentes coa transcendencia dos feitos acontecidos no noso municipio”.
O lume no Concello de Baiona, parroquia de Baredo, iniciouse sobre as 00,39 *h. desta madrugada. A estas horas as estimacións sinalan que afecta unha superficie de entrono a 50 hectáreas. No seu control traballan 1 técnico, 2 axentes, 7 brigadas e motobombas e camións cisterna.
A Xunta de Galicia envío motobombas e un tráiler cisterna. Pola súa banda o Concello de Baiona, puxo ao dispor dos efectivos un camión cisterna. O GES do Val Miñor desprazou efectivos á zona e o seu camión. Nestes momentos o incendio está controlado. Na madrugada do venres foron desaloxadas 8 vivendas pero a veciñanza xa está de volta na súas casas.
Desde o Concello de Baiona e a Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal