O Concello Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, leva a cabo unha campaña de compostaxe domiciliaria para promover a reciclaxe da fracción orgánica dos residuos en orixe.
“Poderán participar as veciñas e os veciños da localidade, que recibirán de forma gratuíta os medios necesarios para poder elaborar compost a pequena escala e tamén a formación necesaria sobre cómo reciclar eses residuos”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
As accións de difusión iniciáronse hoxe coa instalación dun posto informativo no Mercado de Sabarís que marca o inicio deste programa. “As persoas que queiran participar recibirán información sobre a técnica de autocompostaxe e deberán inscribirse previamente para, nunha segunda fase, proceder a seleccionar aos participantes e tamén entregarlles os medios materiais e asesorándoos por parte de persoal técnico especializado”, explica.
O rexedor local apuntou que xa están programadas as xornadas de difusión que se levarán a cabo para esta campaña co fin de sensibilizar á poboación sobre a importancia e as vantaxes da compostaxe domiciliaria.
Gómez Prado explica que un dos obxectivos desta campaña é procurar unha saída aos residuos orgánicos que se xeneran nos fogares e, tamén evitar que a xente tire restos vexetais ou de podas nos contenedores municipais ou na propia vía pública.
“Esta é unha iniciativa máis das programadas na área de educación ambiental, pensada para mellorar a eficacia da recollida selectiva a través da separación previa da materia orgánica en orixe e permitindo así reducir o volumen de residuos que a diario recolle o servizo de recollida de residuos sólidos urbáns”, asegura.
Todos aqueles veciños e veciñas interesados en participar no marco do programa da “Compostaxe doméstica no Concello de Baiona” poderán realizar a solictude do composteiro indivual a través desta ligazón:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSe8dikPGuy39jsvxzemnvhPoIM41sGNJ7g2oXSJgxIhAACjig/viewform
Entre os requisitos para solicitar o composteiro figuran:
– Ser maior de idade.
– Estar empadroado/a no Concello de Baiona ou pagar o recibo da taxa do lixo aquí.
– Solicitarase un único composteiro por unidade familiar.
– O composteiro deberá permanecer no termo municipal de Baiona para realizar o seguimento.
– Dispoñer dun terreo onde instalar o composteiro individual para pechar o ciclo da materia orgánica.
Máis información a través da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona situada no primeiro piso da Casa Consistorial ou chamando ao 986385919. Horario de atención ao público de luns a venres de 9 a 14h.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal