
O Concello de Baiona sumouse á conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, acollendo na praza do Concello unha marcha na que participaron usuarios de varios centros de día do Val Miñor.
A iniciativa, organizada polo Centro de Día Mancomunado do Val Miñor, situado en Baiona, tivo como obxectivo visibilizar a importancia das persoas maiores, reivindicar os seus dereitos e alzar a voz contra a soidade non desexada, apostando por unha sociedade que coide, acompañe e valore aos nosos maiores.
Durante o acto, a praza do Concello converteuse nun espazo de encontro, convivencia e celebración. Os participantes desfrutaron dunha xornada chea de música, cancións e baile, compartindo momentos de alegría e demostrando que cumprir anos tamén significa seguir participando activamente na vida da nosa comunidade.
Un dos momentos máis emotivos foi a lectura do manifesto en defensa dos dereitos das persoas maiores, que correu a cargo de Beti, usuaria do Centro de Día de Baiona, poñendo voz ás reivindicacións e necesidades de quen merece ser escoitados e recoñecidos todos os días do ano.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que os nosos maiores son unha parte fundamental de Baiona, da nosa historia e da nosa identidade. “Temos que seguir traballando para que poidan desfrutar dunha vida activa, acompañada e digna, combatendo a soidade e garantindo que os seus dereitos sexan sempre respectados. Hoxe queremos recoñecerlles, escoitarlles e, sobre todo, desfrutar con eles dunha xornada de convivencia e alegría”.
Desde o Concello de Baiona queremos agradecer especialmente ao Centro de Día Mancomunado a súa iniciativa e compromiso, así como a Ardelume, por acompañar e coidar aos nosos maiores, e a Roberto Caco, pola súa participación e por contribuír, entre todos, a facer desta xornada un día especial.
Concello de Baiona





