
O Concello súmase á iniciativa da asociación Bolboretas no Ceo con motivo do Día mundial da Conciencia sobre a Perda Xestacional, Neonatal e Perinatal, que ten lugar hoxe 15 de outubro
O Concello de Baiona ilumínase de azul e rosa con motivo do Día Mundial da Conciencia sobre a Perda Xestacional, Neonatal e Perinatal, sumándose así á iniciativa promovida pola asociación Bolboretas no Ceo.
A iniciativa ten por obxectivo que entidades de toda a provincia apoien as súas reivindicacións coa iluminación de edificios ou monumentos significativos de cada vila, dando deste xeito visibilidade ás familias afectadas pola perda dun fillo ou filla durante a xestación, o parto ou nos primeiros días de vida, e así facelas sentir que a súa dor e a memoria dos seus bebés son recoñecidas pola súa comunidade, xa que este duelo está moitas veces invisibilizado. A morte xestacional refírese á perda do bebé no útero materno despois da semana 20 de xestación, a perinatal desde as 28 semanas ata os 7 días de vida e a neonatal desde o nacemento ata 28 días despois.
Desde os colectivos, e tamén a propia Organización Mundial da Saúde, sinalan que non existen protocolos hospitalarios unificados para a atención sanitaria destas mortes e que falta formación no persoal sobre como informar desta noticia aos pais. Tampouco existen rexistros oficiais destes falecementos, polo que se fala de que entre 80.000 e 90.000 mulleres perden os seus bebés nestas situacións, pero na realidade as cifras poderían ser maiores. En España, desde agosto do ano 2024 estes bebés deben ser inscritos no Rexistro Civil, co que as familias alcanzan unha constancia oficial dos seus nome.
Concello de Baiona





