
A Asociación Aire de Mar, fundada por Conchi Estévez, presenta “Ou barco do Nadal”, un libro solidario que nace para transformar a dor en esperanza no 28F, Día Mundial das Enfermidades Raras.
Na fotografía, a deputada de Igualdade e Benestar Social, Paula Bouzós, o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e membros da corporación xunto a Conchi Estévez e Soledad García, autora do libro, figuran á beira da Carabela a Pinta, icono da vila mariñeira e imaxe que inspira a embarcación que aparece no libro.
O proxecto “Aire de Mar” xorde da propia vivencia de Conchi Estévez, que tras décadas de longos ingresos hospitalarios debido a unha enfermidade ultrarrara —a síndrome de quilomicronemia familiar— decidiu converter o mar nun símbolo de alento e apoio para quen máis o necesita. Desde entón, a asociación impulsa iniciativas solidarias que buscan devolver sorrisos ás pequenas guerreiras e guerreiros que loitan cada día contra enfermidades oncolóxicas ou raras.
Sempre acompañada de Coralina, a tartaruga protagonista do libro, Conchi percorre hospitais levando unha mensaxe moi especial: trocar cinco minutos de dor por cinco minutos de sorrisos. Coralina convértese así nunha embaixadora de esperanza, convidando as nenas e nenos hospitalizados a coñecer o mar, as Illas Cíes e vivir a experiencia única do Barco do Nadal.
O libro conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Baiona na súa impresión, reforzando o compromiso institucional cunha iniciativa que une cultura, solidariedade e mar.
A presentación terá lugar o vindeiro venres 6 de marzo, ás 18:00 horas, na sala multiusos de Sabarís, con entrada libre ata completar aforo.
Concello de Baiona





