
O documento, promovido pola Xunta de Galicia e elaborado coa participación do tecido local, recolle 18 accións relacionadas co emprego, a cooperación, a vivenda e o aproveitamento dos recursos do territorio
Baiona presenta o seu Plan Local de Economía Social, unha iniciativa pioneira coa que o Concello busca incorporar este modelo ás súas políticas de desenvolvemento e aproveitar o seu potencial para xerar emprego, fortalecer o tecido local e dar resposta ás necesidades do municipio.
Baiona é un dos dous concellos seleccionados para participar neste proxecto piloto impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. O Plan foi elaborado a partir da análise da realidade socioeconómica do municipio e dun proceso participativo no que interviñeron representantes municipais, entidades, asociacións e outros axentes do territorio.
O acto de presentación foi aberto polo alcalde de Baiona, Xesús Vázquez Almuiña , e contou coa participación da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro. Tamén interveu A Casa das Redes, cooperativa con sede no municipio, que achegou a súa experiencia como iniciativa de economía social nada e desenvolvida en Baiona.
O novo Plan identifica ámbitos nos que a economía social pode ofrecer respostas adaptadas á realidade local. A súa finalidade é que as propostas non queden nunha iniciativa illada, senón que poidan incorporarse progresivamente ás políticas municipais e traducirse en actuacións concretas.
Durante o proceso de elaboración prestouse especial atención á realidade de Baiona, ás necesidades detectadas polos seus axentes e ás posibilidades de colaboración entre o Concello, o tecido económico e social e outras administracións. A asistencia técnica para a elaboración do Plan foi desenvolvida por Larega Coop, consultora especializada en economía social, políticas públicas e desenvolvemento local.
Os seguintes pasos van a traves de avanzar na incorporación da economía social ás políticas municipais, habilitar un espazo local de coordinación e seguimento e desenvolver as accións de acordo coas necesidades e capacidades do Concello.
Con este Plan, Baiona busca reforzar un modelo de desenvolvemento máis sostible e inclusivo, apoiado na cooperación e no talento local, e explorar novas fórmulas para afrontar retos como o emprego, a diversificación económica ou o acceso á vivenda.
Concello de Baiona





