
Onte luns, 2 de novembro, ás 10:00h, deu comezo no Multiúsos Ángel Bedrinaña de Baiona, o curso de Introdución á lingua e cultura galegas, con 15 rexistrados de diferentes nacionalidades como Cuba, Brasil, Colombia, Ucraína, Lituania, España e Portugal.
Esta iniciativa de formación está subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade a través da Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello de Baiona, que busca achegar aos novos galegos provenientes do exterior, a nosa lingua e cultura propias.
O curso trata de proporcionarlles competencias lingüísticas e aspectos relacionados coa cultura e historia galegas, tales como a gastronomía, as tradicións, as festas, e a nosa música.
O perfil vai dirixido a persoas maiores de 16 anos que non teñan coñecementos previos de galego, xa que as clases estarán adaptadas aos diferentes niveis. Ao final, entregarase un diploma acreditativo expedido #pola Xunta de Galicia, de 20h.
Este curso ten un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.
Concello de Baiona





