O escenario ao aire libre da Foz do Miñor acolleu o acto conxunto do Concello de Baiona, o de Nigrán e o de Gondomar coa Asociación “Avelaíña, Saúde Mental” para conmemorar o ‘Día Mundial da Saúde Mental’.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acudiu a este acto para mostrar o seu apoio, xunto coa concelleira de Política Social, Ana María Iglesias Rodríguez, e o Concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas, Joaquín López Goce.
Ao mesmo tamén acudiron escolares de toda a comarca entre os que se atopaba estudantado do colexio de Baiona CEP SABARÍS. Durante o acto púidose gozar dunha representación a cargo de ‘Onde viven os contos’ e ‘Igualarche.
Para o Concello de Baiona, a saúde mental é unha prioridade á cal se pretende dar un impulso cunha estratexia que permite facer fronte ao reto que supón a mellora no ámbito da saúde mental da poboación da man doutras institucións e das entidades da localidade. Neste marco, o Concello colabora coa asociación “Avelaíña, Saúde Mental”.
O pasado xoves, 5 de outubro, ambas as entidades colaboraron na organización dunha actividade na que participaron veciños e veciñas do municipio nun paseo pola Península de Santa Marta acompañados por un guía que explicará “Cando Sir Drake quixo invadir Baiona”. Baixo o lema: Saúde Mental, Saúde Mundial: Un Dereito Universal desde a Concellería de Política Social e a asociación tratáronse tips sobre saúde mental. A misión foi a de promover a saúde mental e previr e atender os trastornos mentais a fin de mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida de toda a poboación. O punto de partida do paseo foi na caseta dos socorristas da Praia de Santa Marta. A Concelleira de Turismo, Sheila González Martins, guía oficial turística da Xunta de Galicia, exerceu como tal na actividade na que participaron activamente os usuario da Asociación de Avelaíña dando a coñecer entre os participantes tips sobre saúde mental.
Con motivo do 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organizou esta xornada co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre esta realidade e eliminar o estigma social que sofren as persoas afectadas.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal