O 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental, o Concello de Baiona, a través da Concellería de Política Social, organiza unha xornada que se celebra co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre esta realidade e eliminar o estigma social que sofren as persoas afectadas.
Para o Concello de Baiona, a saúde mental é unha prioridade á cal se pretende dar un impulso cunha estratexia que permite facer fronte ao reto que supón a mellora no ámbito da saúde mental da poboación da man doutras institucións e das entidades da localidade. Neste marco, o Concello colabora coa asociación “Avelaíña, Saúde Mental”.
O vindeiro xoves, 5 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, ambas as entidades colaborarán na organización dunha actividade consistente nun paseo pola Península de Santa Marta acompañados por un guía que explicará “Cando Sir Drake quixo invadir Baiona”. Baixo o lema: Saúde Mental, Saúde Mundial: Un Dereito Universal desde a Concellería de Política Social e a asociación trataranse tips sobre saúde mental. A misión é a de promover a saúde mental e previr e atender os trastornos mentais a fin de mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida de toda a poboación. O punto de partida do paseo será na caseta dos socorristas da Praia de Santa Marta.
Baiona pode presumir de ser a primeira localidade que impediu un ataque do pirata Drake. O vindeiro domingo, día 8, cúmprense precisamente 438 anos desta xesta. O día en que os baioneses frustraron o asalto do temido corsario inglés á fortaleza de Monterreal. Desde o Concello pensouse ligar este feito cos tips de Saúde Mental e organizar esta actividade.
Esta actividade forma parte do proxecto de Deporturismo Social que recentemente se puxo en marcha desde o Concello de Baiona e que ao longo destes meses irá realizando máis accións deste tipo coa cidadanía.
A través da nosa contorna envexable queremos contribuír ao coñecemento da nosa historia, a realizar actividade física, sociabilizar e dar pautas para a saúde en xeral, facendo fincapé na mental. A importancia de coidar de nós mesmos.
Pirata Francis Drake e vinculación con Baiona:
Isabel I de Inglaterra enviouno a España ao mando de 30 naves con 1.500 homes para frear a creación da Armada Invencible por parte de Felipe II. E decidiu realizar a súa primeira incursión por Baiona, poboación estratéxica que o monarca chegou a denominar “as chaves do meu reino”. Segundo os arquivos históricos, a frota de Francis Drake arribou á praia de Santa Marta a tarde do 7 de outubro de 1585 tras permanecer fondeada nas Illas Cíes. O conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, reunira a 5.000 homes armados, soldados e veciños, con 200 cabalos #ante a ameaza.
Ao día seguinte, o corsario decatouse de que Baiona estaba preparada para a ofensiva e aborta o seu plan. Frustrado, arrasa con lume a capela de Santa Marta, unha das xoias románicas da vila, construída a finais do século XIII. A ermida resultou destruída ata a reconstrución veciñal de 1855, que só puido manter a porta sur, de arco circular e tímpano liso, da súa morfoloxía orixinal.
A real vila logrou así o primeiro gran fracaso de Drake, que se dirixiu á ría de Vigo, onde volveu atoparse coa resistencia baionesa, que respondeu a unha nova chamada do conde de Gondomar a socorrer á cidade veciña e fíxolle fracasar de novo. Ata que regresou catro anos máis tarde, mellor dotado con 200 navíos e 7.000 homes, para arrasar, esta vez si, a poboación viguesa.