Este mes e dentro das actividades levadas a cabo no proxecto Vincúlate, os participantes recibiron a visita do Alcalde de Baiona, Carlos Gómez e da concelleira de servizos sociais, Conchy Vara, que aproveitaron a ocasión para facerlles entrega dunhas camisetas co logo que eles mesmos deseñaron. Con tal motivo os rapaces e rapazas dos tres grupos xuntáronse para pasear ós cans e visitar con eles o parque canino situado no paseo Monte Boi, onde tiveron ocasión de realizar varias actividades.
Dentro do proxecto os participantes están traballando técnicas de adestramento básico cos cans ó tempo que lles dan a oportunidade de visibilizalos para tratar de conseguir unha adopción responsable. Con este mesmo fin, a semana pasada tanto os rapaces e rapazas como os cans, participaron nunha sesión fotográfica conxunta realizada polo estudo de fotografía Ño, que quixo colaborar co proxecto.
“Nos 5 meses que leva en marcha o proxecto xa se conseguiron 6 adopcións, moitas de las fora do noso municipio, ó que nos da unha idea do seu alcance” resalta o alcalde, que di sentirse moi orgulloso tanto do traballo realizado por parte dos participantes no proxecto como dos distintos colaboradores que, na medida na que poden, aportan ó proxecto non só a oportunidade de medrar senón tamén axudan a inculcar nos rapaces e rapazas valores tan importantes como son o traballo en equipo, o altruísmo, o cooperativismo…
Despois dunha demanda feita polos participantes, o alcalde adquiriu o compromiso de que o proxecto continuará no ano 2022.
O alcalde comentou tamén que hai outras actividades previstas ata o mes de decembro das que se ira informando.