O Concello de Baiona ten censados máis de 2.700 veciños e veciñas de máis de 65 anos, o 22% da súa poboación. Co obxectivo de coordinar e mellorar todas as políticas municipais dirixidas a este colectivo, pon en marcha o programa ‘Baiona Senior’.
“Desde o comezo do mandato, as actividades e iniciativas para as persoas maiores son unha prioridade do noso goberno, promovendo o envellecemento activo e saudable, convertindo Baiona nunha vila para as persoas maiores”, afirma o alcalde, Carlos Gómez Prado.
“Hai ferramentas estratéxicas que impulsamos como o Plan de Mobilidade que conteñen medidas pensadas para os maiores e, durante a pandemia, detectamos novas necesidades, moitas delas en persoas maiores que viven soas, por iso consideramos necesario ter un programa que coordine todas as iniciativas que temos e queremos promover para as persoas maiores”, explica o alcalde.
Precisamente, unha das primeiras medidas nas que traballa o Concello de Baiona a través de ‘Baiona Senior’ é a realización dun censo das persoas maiores que viven soas no municipio, co obxectivo de facerlles un seguimento individualizado e axudalas en todo o que necesiten.
Á marxe desta medida, o concello impulsará e coordinará con ‘Baiona Senior’ actividades dirixidas á mobilidade e a accesibilidade; o envellecemento activo; os programas de detección do deterioro cognitivo en todas as parroquias, e os acordos de colaboración que mantén con entidades como Afaga (está en marcha unha experiencia piloto cunha aplicación que funciona como un asistente de conversación para persoas que viven soas).
Tamén supervisará o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e doutros programas asistenciais e de atención domiciliaria que dependen do concello; temas de transporte; vivenda, e participación, ademais de actividades deportivas, culturais, de ocio e lecer.
Das 2.715 persoas maiores que viven en Baiona (datos de finais do 2021), 792 teñen entre 65 e 69 anos; 720 entre 70 e 74 anos; 511 entre 75 e 79; 329 entre 80 e 84, e 363 de 85 anos e máis.
“Queremos englobalo todo baixo o paraugas de ‘Baiona Senior’; nas políticas municipais para as persoas maiores están involucradas diferentes concellerías, falamos dun tema moi transversal, e queremos ter unha radiografia conxunta desde a que articular todas as políticas municipais”, engade Gómez Prado.
Un novo Consello das Persoas Maiores de Baiona, que se reunirá nas próximas semanas, axudará ao concello e participará na organización das diferentes áreas temáticas e iniciativas de ‘Baiona Senior’.