O Concello de Baiona, a través dos Servizos Sociais Comunitarios, e AFAGA, a Asociación de Familiares de Alzheimer e outras demencias de Galicia, organizan o programa psicoeducativo para coidadores familiares de persoas dependentes “Coidándome”. Desenvolverase dende o 30 de setembro ata o 16 de decembro cun total de 12 sesións os venres de 10:30 a 12.30h no Centro Sociocomunitario de Baiona, rúa Dolores Agrelo, 16.
Este programa forma parte das accións desenvoltas dende o Departamento de Benestar Social do Concello de Baiona no marco do convenio asinado con AFAGA. Vai dirixido á aquelas persoas que teñan familiares dependentes. Os interesados deberán inscribirse e cubrir a solicitude que facilitan no Departamento de Servizos Sociais e presentar o modelo oficial de solicitude por rexistro de entrada na casa do concello. Como requisito necesario figura que deben ser persoas empadroadas no Concello de Baiona. Na folla de inscrición se recollen os seguintes datos: nome e apelidos, enderezo, n.º DNI, data de nacemento, teléfono de contacto (cumpliendo con el RGPD).
O programa “Coidándome” busca ofrecer unha atención integral aos coidadores familiares para previr ou minimizar as consecuencias que ten na súa propia saúde as atencións continuadas a un familiar maior con dependencia. Empregando unha metodoloxía grupal informarase e formarase aos participantes, apoiándoos emocionalmente e promocionando momentos de descanso activo e relación social con outras persoas na mesma situación.
En concreto ao longo das 12 sesións do programa, e estruturadas en catro áreas: Saber e Coñecer, Autocoidado, Eficacia para o día a día, e Emocionario, abordaránse as patoloxías que causan dependencia nas persoas maiores, formarase aos participantes en técnicas sanitarias para previr riscos no domicilio e que poidan prestar actuación de atención directa de calidade. Tamén se orientará sobre os recursos que ofrece a comunidade para coidar a un familiar dependente, se promocionará o autocuidado do coidador familiar, se traballará en aspectos emocionais para asumir o rol de coidador.
12 sesións formativas e terapéuticas impartidas polo equipo técnico de AFAGA. Segundo a sesión que se trate a impartirá un profesional distinto: Psicóloga, Traballadora Social, Enfermeira, Avogado, Terapeuta ocupacional, Fisioterapeuta.
As persoas interesadas poden acadar máis información sobre “Coidándome” no Departamento de Benestar Social do Concello de Baiona , situado na planta baixa da casa do concello, ou no teléfono 986 38 59 26.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal