O Concello de Baiona consolidou nos últimos tres anos unha forma de entender os Servizos Sociais como un dereito de todos os veciños e veciñas, un paraugas que engloba numerosas iniciativas para todas as idades e sempre en colaboración co tecido asociativo.
En colaboración coa Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e otras demencias de Galicia (AFAGA) desenvolve dous programas con cada vez maior demanda, ‘Cultiva a túa Mente’ e o programa de Estimulación Terapéutica.
Neste curso 2022/2023, o Concello de Baiona levou ás parroquias de Baiona o programa de prevención ao deterioro “Cultiva a túa Mente”, no que xa participan 35 persoas. A actividade está dirixida a persoas maiores de 55 anos interesadas na prevención do deterioro cognitivo.
O obxectivo é o fomento de hábitos saudables dende un enfoque activo e positivo en áreas cognitivas, emocionais, funcionais e sociais como precursor dun axeitado mantemento de vida independente nas persoas adultas maiores participantes.
Polo que respecta ao programa de estimulación terapéutica, vai dirixido ás persoas que xa teñen síntomas de deterioro cognitivo e ás súas familias. O programa da servizo xa a once familias da vila.
O Concello de Baiona e Afaga organizan tamén un programa psicoeducativo para coidadores e familiares de persoas dependentes, ‘Coidándome’. Busca ofrecer unha atención integral aos coidadores e familiares para previr ou minimizar as consecuencias que ten na súa propia saúde a atención continuada a un familiar maior con dependencia. Participan 15 persoas.
“As cifras de persoas usuarias nestes programas triplican as que había xusto antes da pandemia; a demanda destes servizos vai en aumento e queremos dar resposta”, explica Conchy Vara, concelleira de Servizos Sociais.
Orzamentos
“Os Servizos Sociais son un dereito dos veciños, un dereito protexido pola lei para darlle asistencia desde as administracións ás persoas que o necesitan”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.
Para facer realidade estes obxectivos, as partidas para políticas sociais nos orzamentos municipais aumentaron un 30% desde o comezo do mandato.
O concello puxo en marcha tamén en marcha en setembro de 2023 unha experiencia pioneira cunha aplicación que funciona como un asistente de conversación. O proxecto ‘En Compañía’ (Acompañamento Terapéutico a Persoas con Demencia) foi deseñado para persoas usuarias que viven soas en zonas rurais.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal