O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona informa que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.
O prazo de solicitude está aberto ata o día 25 de novembro de 2022 (incluído). Para realizar as xestións debe solicitarse cita previa coa traballadora social nos Servizos Sociais do Concello no teléfono 986 385 926.
Esta iniciativa ofrece o aloxamento en réxime de pensión completa dende o día 23 de decembro ata o día 7 de xaneiro distribuídos en dúas quendas de 8 días cada unha: do 23 ao 30 de decembro, e do 31 de decembro ao 7 de xaneiro do 2022.
A convocatoria de 2022 conta con 540 prazas en repartidas entre as dúas residencias de tempo libre coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude
A residencia de Panxón, situada no concello de Nigrán, na provincia de Pontevedra, con 260 prazas en dúas quendas
E residencia do Carballiño, situada na provincia de Ourense, con 280 prazas divididas entre dúas quendas
O programa de actividades é variado e está adaptado aos gustos e aos recursos tanto patrimoniais como culturais da zona. Inclúe propostas como actuacións musicais, sesións de cine, bailes, obradoiros, campionatos de cartas, excursións, sesións de risoterapia e de ximnasia entre outras moitas.
As persoas beneficiarias deben cumprir os seguintes requisitos: ter 60 anos cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes, estar empadroado nalgún concello galego, vivir só no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal, valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía.
O programa inclúe os seguintes servizos:
Estancia na residencia durante 8 días (7 noites).
Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa.
Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa.
Actividades de animación sociocultural.
Para máis información poden consultar a páxina web da Consellería de Política Social: https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2022
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal