Baiona, 28 de outubro de 2021– O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Baiona informa que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade organiza este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.
Ofértanse un total de 246 prazas (2 quendas de 123 solicitantes cada un) na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense), para as persoas solicitantes das provincias de Pontevedra e Lugo.
Este programa levarase a cabo entre o día 22 de decembro de 2021 e o día 7 de xaneiro de 2022 en dúas quendas de 8 días cada unha (7 noites). A primeira quenda efectuarase no período comprendido entre o 22 e o 29 de decembro e a segunda entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro. O programa comprende os seguintes servizos:
– Estadía na residencia durante 8 días (7 noites).
– Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa. No suposto de que existise dispoñibilidade en habitacións individuais serán asignadas con preferencia aos participantes de maior idade.
– Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa.
– Actividades de animación sociocultural. A recollida das persoas participantes efectuarase o día 22 e 31 de decembro pola tarde para cada unha das quendas e a volta o día 29 de decembro e 7 de xaneiro, respectivamente, despois do almorzo.
Persoas beneficiarias:
a) Ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
b) Estar empadroado nalgún concello galego.
c) Vivir so no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal.
d) Valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía. e) Estar vacinado fronte á COVID-19 segundo o calendario sanitario vixente.
Prezo da praza: As persoas participantes asistirán de forma gratuíta ao programa. Os gastos de desprazamento desde o domicilio dos adxudicatarios ata o lugar de saída que se indique nas localidades de Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra ou Vigo e viceversa serán por conta da persoa participante.
Prazo e lugares de presentación de solicitudes:
O prazo de solicitude está aberto ata o día 15 de novembro de 2021 (incluído). Para realizar as xestións debe solicitarse cita previa coa traballadora social nos Servizos Sociais do Concello no teléfono 986 385 926.
Para máis información poden consultar a páxina web da Consellería de Política Social http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada-de-maiores