A través desta canle directa de comunicación, os veciños poden poñer en coñecemento do Consistorio aqueles danos que detecten na súa localidade. Grazas a esta ferramenta de participación cidadá, o Concello pretende coñecer as necesidades do municipio e así poder dar solución ás cuestións comunicadas.
Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP “Meu Concello”. Para iso, débese acceder a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada na súa Smartphone (Android/iOS). Unha vez localizada, leva a cabo a descarga de forma gratuíta. Posteriormente, o usuario selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. A partir deste intre, xa pode empezar a utilizar o servizo. O procedemento é moi rápido e sinxelo.
Para comunicar unha incidencia, basta con picar sobre o botón “Nova Incidencia”. Un despregable coas diferentes tipoloxías aparece en pantalla. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. O seguinte paso é anexar foto da incidencia e observación sobre a mesma. Xa soamente queda dar ao botón de enviar.
Unha vez enviada, persoal do Concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste intre, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O veciño, á súa vez, recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado. Tamén pode facer seguimento da situación na que se atopa a mesma a través do botón de “Enviadas”.
O Concello de Baiona anima aos veciños para utilizar a APP “Meu Concello”. A través da implantación desta canle directa de comunicación entre os veciños e o Concello, leste pretende coñecer as necesidades reais do municipio para así poder atender as peticións dos seus veciños.
Esta iniciativa está impulsada pola Deputación de Pontevedra dentro do plan de mellora tecnolóxica para a comunicación dos veciños coas administracións.
Este servizo ten atención no horario laboral do Concello e non substitúe a outros procesos polos cales se debe realizar unha entrada no rexistro municipal.
Concello de Baiona.