A Concellería de Mocidade do Concello de Baiona, en colaboración coa Concellería de Tecnoloxías, e a Fundación Esplai organizaron un curso de competencias dixitais que finalizou o 18 de novembro en Baiona, sendo este totalmente gratuíto para os participantes.
A actividade tivo lugar no espazo xuvenil do Centro Multiusos Ángel Bedriñana, e nel participaron un total de 10 mozos e mozas de 9 a 11 anos. Nesta formación impartíronse conceptos básicos de ferramentas informáticas, uso seguro e responsable da internet, e os participantes familiarizáronse coas linguaxes de programación, a robótica, a impresión 3D e a realidade virtual.
O obxectivo das actividades era favorecer a adquisión de competencias dixitais e desenvolver habilidades como a creatividade, o pensamento crítico e o traballo en equipo a través de actividades lúdicas e participativas.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, xunto coa Concelleira de Mocidade, Ruth Álvarez González, visitaron a estes mozos e mozas no seu último día de curso, e fixéronlle entrega dun diploma acreditativo dos coñecementos e habilidades adquiridas.
A Concellería de Mocidade, xa está a planear novas actividades para o 2025 en colaboración coa Fundación Esplai.
Concello de Baiona