O número de visitas nos meses de xullo e agosto de 2021 da oficina de turismo do Concello de Baiona superou nun 125 por certo os niveis de 2020 en plena pandemia xerada polo Covid-19.
Un total 17.900 persoas pasaron polas instalacións do Paseo Ribeira para solicitar información na súa visita á Real Vila, fronte ás 7.973 que se rexistraron no mesmo período do ano 2020, segundo os datos facilitados polo departamento municipal de turismo.
A recuperación do sector turístico apréciase neste ano en comparación co pasado. O balón de osíxeno está a selo o viaxeiro residente en España, en base a as estatísticas elaboradas polo servizo municipal reflicten que o 90% dos visitantes de xullo e agosto son de orixe nacional. Por comunidades autónomas, destacan os procedentes de Madrid, País Vasco, Cataluña e Castilla y León.
As principais diferenzas atendendo ás procedencias radican en que en 2020 houbo máis afluencia de persoas procedentes de Galicia e en 2021 aumentaron en máis do dobre as chegadas procedentes das comunidades autónomas do levante e sur do país, sobre todo, de Cataluña que este verán se situou como unha das principais procedencias na afluencia da oficina.
É importante sinalar que os excursionistas de día, aínda que lonxe de chegar aos números habituais doutros anos, comezan a ter unha presenza máis representativa. Con respecto aos excursionistas de grupo, destaca Portugal, que retoma aos poucos as visitas organizadas a Baiona, sobre todo, o fin de semana e Reino Unido, marcado pola chegada dalgún cruceiro ao porto de Vigo no mes de xullo.
En canto á procedencia internacional, tamén se aprecia a recuperación en comparación co pasado. Por países, Portugal, Francia e Reino Unido son en ambos os anos os principais países emisores de turismo a Baiona pero, este ano, seguidos moi de preto por Italia yAlemania. En 2021 recibíronse visitantes de 42 países diferentes (21 países en 2020 e 52 países en 2021).
Estas cifras son unha parte dos que nos visitan, xa que moitos outros tantos veraneantes xa coñecen a vila doutros anos e non adoitan pasar pola oficina de turismo do municipio xa que coñecen de primeira man o lugar.
En canto á tipología de aloxamento elixido o hotel e o cámping sitúanse no ránking. A continuación, con gran presenza, atoparíase ao Parador, autocaravanas pero tamén a segunda residencia e o aluguer de vivendas.
A ocupación media dos establecementos hoteleiros da Vila no mes de agosto foi de 95%, liderando a ocupación en agosto da Provincia de Pontevedra. A ocupación deste mes supera á dos anos anteriores á pandemia, 75% en 2020 e 88% en 2019. A estes datos hai que sumar a pernoctación en autocaravanas, fóra do cámping, a segunda residencia e os alugueres de vivendas particulares e de uso turístico que,segundo diversos informes inmobiliarios, esgotáronse durante o mes de agosto. No mes de xullo foi do 85%, situándose tamén en pódium da provincia. En xullo de 2020, a ocupación media foi de 58%. En xullo 2019, a ocupación media foi de 67%.
“O punto máis positivo é o aumento da porcentaxe de turistas aloxados en Baiona así como a porcentaxe de ocupación hoteleira. A porcentaxe de ocupación tanto de xullo como de agosto é o mellor nos últimos 5 anos, é dicir, mellora os números de antes da pandemia. A nosa constante aposta pola calidade e de destino seguro fai que non só cheguen novos visitantes a Baiona senón que aqueles que xa nos coñecen volvan elixir como destino vacacional”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.
Gómez Prado destaca a importancia da “boa promoción” deste destino como “destino de calidade, seguro, sustentable e multiexperencial” que se reflicte no feito de que o 90% dos visitantes foron nacionais cunha media de idade entre 36 e 60 anos que permanecen na localidade entre 7 e 15 días manifestando un interese prioritario polo lecer. Segundo o rexedor, “os datos mostran que en moitos parámetros mesmo mesmo se supera aos datos de antes da pandemia con Baiona liderando a ocupación hoteleira e recibindo visitantes, sobre todo, de orixe nacional”.
Segundo explicou, trátase dun “salto importantísimo” con respecto a xullo do 2020,, “o que sitúa a Baiona como un destino moi potente e resiliente”, valora o rexedor, que se mostrou convencidou de que “cando finalice a tempada turística que está a piques de chegar ao seu fin, Baiona estará moi ben situada en Pontevedra, Galicia e no conxunto do Estado”.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal