
O Concello de Baiona participa estes días en FITUR 2026, a principal feira internacional de turismo, co obxectivo de seguir posicionando a nosa vila como un dos destinos de referencia de Galicia e do Atlántico.
Desde a caseta de Galicia, Baiona mostra ao sector profesional e ao público especializado todo o potencial dun destino que combina patrimonio, natureza, mar e unha firme aposta por un modelo turístico sostible e de calidade.
A presenza de Baiona en FITUR non se limita á promoción visual do destino. Durante estas xornadas, o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, e a concelleira de Turismo, Sheila González Martíns, están a manter reunións estratéxicas con empresas do sector, operadores turísticos, institucións e outros entes turísticos. Encontros de traballo orientados a xerar novas oportunidades, captar proxectos e responder as necesidades actuais e futuras de Baiona en materia de desenvolvemento turístico.
Este labor de promoción e cooperación ten un obxectivo claro: fortalecer a economía local, apoiar ao tecido empresarial e seguir construíndo un modelo turístico equilibrado, respectuoso coa contorna e plenamente compatible coa vida cotiá de veciños e veciñas. Todo o traballo realizado en FITUR enmárcase dentro da estratexia municipal de sustentabilidade, convivencia e crecemento responsable.
Baiona avanza así con paso firme cara ao futuro, reforzando a súa presenza nos principais foros do sector e consolidando a súa imaxe como un destino auténtico, acolledor e comprometido coa súa identidade e o seu territorio.
Concello de Baiona





