Seis vilas mariñeiras do norte de España, entre as que se atopa Baiona, presentaron un proxecto conxunto ao Programa de Experiencias de Turismo de España, que impulsa o Ministerio de Industria Comercio e Turismo. Fixérono a través da Asociación de Villas Marineras na que se integran, ademais de Baiona, as dúas localidades asturianas, de Ribadesella e Llanes, e as cántabras de Laredo, Santoña e San Vicente de la Barquera. A proposta opta ás axudas dos fondos europeos Next Generation que se destinarán ao programa de experiencias turísticas.
O obxectivo é impulsar un turismo “azul” baseado nos oficios do mar, barrios mariñeiros, faros e lonxas. Visitas, paseos en barco, actividades artesanais, roteiros guiados polo porto pesqueiro, coñecer os labores dos mariñeiros antes de saír a faenar ou talleres de aspectos referentes ao mar son algunhas das actividades que se recollen na proposta.
Trátase, segundo o Alcalde de Baiona,Carlos Gómez, dunha aposta por un “turismo diferencial”: “Un proxecto no que se implicará ao sector turístico e ao do mar, así como aos residentes das vilas. Preténdese impulsar a desestacionalización e que o turismo mariñeiro sexa outra motivación máis para visitar estas localidades en calquera momento do ano”.
A dixitalización será outro dos aspectos que se pretenden impulsar desde o proxecto da Asociación de Villas Marineras, que dará especial relevancia á cultura mariñeira e recollerá os relatos latentes en todos estes lugares, pero que aínda non está recolleitos para poder narralos.
A proposta está integrada na estratexia de desenvolvemento de produto, promoción e comercialización que promove o colectivo desde fai vinte anos.
Realizado por: Marta González Pérez
Técnica de Comunicación
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal