A Asociación Vilas Mariñeiras á que Baiona pertence desde a súa fundación, celebra mañá sábado 10 de maio, a VII edición do Día das Vilas Mariñeiras.
Nesta ocasión, a Vila anfitrioa será Baiona. Esta festa anual é promovida pola Asociación Vilas Mariñeiras, integrada polo municipio anfitrión xunto a Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña.
O obxectivo da asociación con este evento, é dar a coñecer as propias vilas, poñer en valor os seus recursos turísticos, culturais e gastronómicos e afianzar a imaxe a nivel interno nos propios municipios.
As actividades organizadas supoñen tamén unha gran oportunidade para que confraternicen a veciñanza das seis localidades cántabras, galegas e asturianas, que estarán representados polas principais autoridades municipais, así como por diferentes colectivos sociais e culturais.
Unha comitiva de cada localidade darase cita en Baiona para gozar dunha xornada festiva e de irmandamento.
Baiona foi a primeira Vila en organizar este evento, no ano 2014. Nesta edición 2025, decidiuse usar un formato máis dinámico, no que todos os grupos participantes, actuarán nas principais prazas de Baiona, durante 15 minutos. Non será simultaneamente, para que se poida gozar de todas as actuacións. O programa de actos previstos, comezará ás 11:30h. co pasacalles de todos os grupos participantes, que no caso de Baiona, estará representada polo “Grupo Ardelume Baíña, Grupo de Integración”.
A saída será do Porto Pesqueiro, e dirixiranse á Praza do Concello, onde comezará a primeira actuación. Para a Asociación Vilas Mariñeiras, desde a súa creación en 1998, o seu principal obxectivo foi o de poñer en valor e aproveitar os recursos marítimos e pesqueiros dos municipios que a integran, para promocionar un turismo sostible durante todo o ano.
Concello de Baiona