Mitic Kids, a iniciativa musical que pretende revolucionar e normalizar o uso da gaita máis aló do folk, estivo o sábado en Baiona ao grande.
Ás 12:00 horas no baionés Parque da Palma tivo lugar unha sesión matinal moi especial pois entre os virtuosos novos atopábanse catro veciños baioneses. Presentaron o seu novo espectáculo “Mitic Kids”, un novo show no que 12 mozos virtuosos da música subíronse ao escenario.
Uns mozos de 7 a 16 anos mostraron o mellor da música. Son novos de “altas capacidades musicais” que se reúnen despois dunha selección e traballo durante meses que finalizou recentemente cun campus de catro días nunha casa rural onde coordinaron e prepararon o espectáculo que se estreou o sábado en Baiona
En sesión de noite, tamén se puido gozar dun gran espectáculo da banda adulta as 22:00 horas cun pano de fondo espectacular como non podía ser a fortaleza de Monte Real iluminada. A xente vibrou ao ritmo de temas de Queen, The Beatles, Bon Jovi ou Aerosmith, ademais de grandes himnos do pop rock español.
Realizado por: Marta González Pérez
Responsable de Prensa
Email: gabinetedeprensa@baiona.gal